- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, participou esta semana na XII edición das Xornadas de Implementación Local da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no SNS, promovidas pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), a través da Rede Española de Cidades Saudables. O Concello de Ames recibiu en novembro de 2022 o Premio Nacional de Calidade 2021, que outorga a RECS a concellos de máis de 20.000 habitantes, polo fomento de estilos de vida saudables.
O Ministerio de Sanidade, en colaboración coa Federación Española de Municipios e Provincias, celebrou o pasado mércores, 5 de novembro de 2025, de 9:30 a 18:00 horas, no salón de actos do Ministerio, a XII Xornada sobre a Implementación Local da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde (SNS) co lema “Conectando Saúde: Sinerxias e Redes na contorna local”.
Esta xornada de traballo centrouse na creación e consolidación de sinerxias e redes en ámbitos locais e incluíron varias charlas e talleres organizados sobre identificación de recursos comunitarios e activos para a saúde. Algunhas das mesas de traballo abordaron temas como as redes locais de saúde nacional e autonómicas; a saúde local e estratexias de saúde comunitaria; e sinerxias con outras redes locais. Tamén houbo talleres para a coordinación con outras redes para a constitución das mesas intersectoriais, identificación de recursos comunitarios e activos para a saúde, e para actuar no entorno local en materia de urbanismo, estilos de vida e saúde comunitaria e participación.
O alcalde de Ames, Blas García, explica “esta semana tiven a ocasión de participar na xornada da Rede de Cidades Saudables Conectando Saúde, onde representantes municipais e técnicos falamos da implementación das políticas saudables nos concellos. O Concello de Ames xa recibiu no ano 2022 un premio da Rede de Cidades Saudables pola aplicación de menús saudables nos servizos de conciliación. Coincidimos nestas xornadas co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, e a tenente de alcalde Conchi Campos, e coa alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, que ademais recolleu un premio”.
Premio Nacional de Calidade 2021
O Concello de Ames recibiu en novembro de 2022 o Premio Nacional de Calidade 2021, que outorga a RECS a concellos de máis de 20.000 habitantes, polo fomento de estilos de vida saudables.
O fomento dunha alimentación saudable, a promoción da actividade física en todas as idades e a prevención de condutas aditivas con e sen sustancias, son os eixos sobre os que se sustenta o programa “Ames Saudable”. Na proposta ao premio da RECS, ponse de manifesto o feito de que o programa, dependente da Concellaría de Promoción da Saúde, lévase a cabo dun xeito transversal e buscando acadar a equidade no acceso a saúde. Tamén se destacou o papel enriquecedor e diferenciador que desempeña a técnica municipal en nutrición ligada á Concellería de Promoción da Saúde.
O proxecto “Ames Saudable”, dependente da Concellería de Promoción da Saúde, aglutina toda unha serie de propostas dirixidas a todas as idades e encamiñadas a dotar de información e recursos á cidadanía, e ten como fin último lograr un concello cada vez máis saudable e un maior benestar dos veciños e veciñas, fomentando a participación e estilos de vida saudables.








