Pestanas principais

Ames participa no programa Youtubeir@s, o concurso que quere encher a Rede de vídeos en galego

Martes, 29 de novembro de 2016

[29-11-2016] Esta mañá a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación do Concello de Ames, Isabel Vaquero, participou na presentación de Youtubeir@s, unha nova iniciativa de normalización lingüística posta en marcha grazas á colaboración de 10 concellos e das tres universidades galegas. Trátase dun concurso que pretende encher a Rede de vídeos en galego. A esta presentación, que tivo lugar no salón reitoral da Universidade de Santiago de Compostela, acudiron a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, a coordinadora de Youtubeir@s e técnica de normalización do Concello de Ourense, Mónica Fernández Valencia, e representantes dos outros 10 concellos que participan nesta actividade, así como das tres Universidades galegas involucradas neste programa para impulsar a presenza do galego na Rede e contribuír así á normalización lingüística sobre todo da mocidade.


A vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva, mais a coordinadora de Youtubeir@s e técnica de normalización do Concello de Ourense, Mónica Fernández Valencia, presentaron o programa, que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual e. sobre todo, ao papel activo dos e das youtubeir@s na rede. Premendo nesta ligazón podes ver un vídeo promocional e explicativo do programa Youtubeir@s.

Youtubeir@s é unha iniciativa dos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, A Baña, A Coruña, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove; e tamén das Universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. A presentación do concurso estivo precedida dunha reunión de traballo de representantes destas administracións para concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua.

A iniciativa Youtubeir@s ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Os vídeos poderán presentarse ata o 28 de abril
“Youtubeir@s, o concurso de vídeos na rede” vai dar comezo este xoves, 1 de decembro, e o prazo de presentación de vídeos estará aberto ata o 28 de abril. Segundo se recolle nas bases, que están dispoñibles na web do concurso (www.youtubeiras.gal), poderán presentarse todas as persoas maiores de 14 anos a través dunha inscrición en liña. Os vídeos deben ter unha duración máxima de 5 minutos, estar licenciados en creative commons, producidos en galego e estar dispoñibles na rede social YouTube.

Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (desde unha receita ata a como instalar un programa informático); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme, opinión sobre un tema de actualidade...).

Cada unha destas categorías vai ser premiada cunha con mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual.

Dentro do programa Youtubeir@s programaranse tamén obradoiros formativos. Estas accións formativas, que se van desenvolver de maneira parella ao concurso, estarán impartidas pola produtora audiovisual Illa Bufarda. Con elas, o que se busca é achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Carballo e outros 10 concellos poñen en marcha Youtubeir@s"
La Voz de Galicia: "Un concurso anima a promocionar o galego con vídeos orixinais"
La Voz de Galicia: "Ribadeo convoca con outros dez concellos galegos o concurso de vídeos en Internet Youtubeir@s"