Pestanas principais

Ames participa no programa de subvencións “Medida Leader Galicia 2014-2020” dentro da Asociación de Terras de Compostela

Venres, 17 de xuño de 2016

[17-06-2016] O Concello de Ames pasa a ser parte integrante e impulsor do novo grupo de desenvolvemento rural (GDR-19), que aspira a percibir fondos da Unión Europea, para desenvolver nos próximos anos o programa europeo Leader. O enfoque Leader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan: desenvolvemento local participativo. O goberno municipal realizou unha xuntanza o pasado 2 de xuño na que se recolleron diferentes propostas da veciñanza amesá para incluír dentro da estratexia que se presentará o programa de subvencións “Medida Leader Galicia 2014-2020”. Ademais, esta mesma semana Ames participou nunha xuntanza de traballo convocada en Vedra pola Asociación de Terras de Compostela.

Os concellos de Ames, A Baña, Brión, Boqueixón, Negreira, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo, Val do Dubra e Vedra, compoñen e conforman o territorio GDR 19 dentro da Medida Leader 2014-2020. A Asociación Terras de Compostela é a encargada de xestionar este Grupo de Desenvolvemento Rural 19 e de elaborar a estratexia que se vai a presentar ao programa “Medida Leader Galicia 2014-2020”.

O elemento esencial da metodoloxía Leader é que se trata de procesos de abaixo cara arriba, é dicir, as estratexias ou programas específicos de desenvolvemento rural defínense no ámbito local do territorio, e as decisións sobre as liñas concretas de aplicación das axudas e mesmo dos proxectos que se financian, son tomadas nese mesmo ámbito por partenariados de axentes públicos e privados (na súa maioría privados por esixencia do programa).

A Xunta Directiva da Asociación Terras de Compostela acordou realizar unha reunión para cada un dos concellos que conforman o territorio de actuación, para implicar a todos os actores do tecido socioeconómico na elaboración da estratexia de desenvolvemento local participativa (EDLP). Deste xeito, mantivéronse reunións con 8 alcaldes e 2 concelleiros para que de forma institucional se prestasen os medios necesarios para darlle a máxima difusión a estas reunións e tamén para poder empregar instalacións públicas para a súa realización.

Para a realización das reunións elaborouse unha presentación co fin de explicar as liñas xerais da Medida Leader Galicia 2014-2020, a estratexia de desenvolvemento local participativa, así como un cuestionario para que os asistentes puidesen facer achegas por escrito á EDLP. Este cuestionario está colgado tamén na web da Asociación Terras de Compostela. Tamén se puxo a disposición dos interesados dous números de teléfono para facer todo tipo de consultas e suxestións e a seguinte dirección correo electrónico info@terrasdecompostela.org. Nas reunións participaron case que 190 persoas e recompiláronse máis de 150 cuestionarios, que se empregaron na elaboración da estratexia de desenvolvemento local participativa.

Proceso participativo
O goberno municipal realizou unha xuntanza o pasado 2 de xuño, no salón de plenos da Casa do Concello, na que se recolleron diferentes propostas da veciñanza amesá para incluír dentro da estratexia que se presentará o programa de subvencións “Medida Leader Galicia 2014-2020”. Neste encontro, que tivo moi boa acollida, participaron autónomos, empresas, cooperativas, S.A.T., sociedades laborais, e varias asociacións municipais. Este proceso participativo serviu para definir parte da estratexia en materia de desenvolvemento rural. As persoas que participaron neste reunión cubriron un cuestionario no que expuxeron as súas propostas. Ademais, houbo outras persoas que contribuíron a dito proceso participativo realizando diversas achegas despois desta xuntanza.

Ademais, esta mesma semana Ames participou nunha xuntanza de traballo convocada pola Asociación de Terras de Compostela. Nesta reunión de traballo estudouse e debatéronse certas cuestións que afectan á estratexia, con carácter previo á celebración da reunión de Xunta Directiva. Así, presentouse o borrador da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa (EDLP) e analizáronse as achegas feitas para incorporar ao documento definitivo.

O debate centrouse nas zonas do GDR 19 Terras de Compostela nas que se financiará o comercio polo miúdo e o sector servizos na Medida Leader de Galicia 2014-2020; nas zonas do GDR 19 Terras de Compostela nas que se financiarán os Locais Sociais; na proposta de baremación de proxectos e priorización de proxectos non produtivos; e na proposta do cadro financeiro. O prazo para a presentación de candidaturas para a Medida Leader de Galicia 2014-2020 remata o vindeiro 3 de xullo.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"Ames, a por fondos Leader"