[28-09-2016] O Concello de Ames participa un ano máis na iniciativa “Móllate polos ríos”, coordinada pola Asociación de Ecoloxistas de Galicia (ADEGA). Este proxecto consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. O espazo elixido para esa xornada de limpeza é un treito do río Sar o seu paso polo lugar da Condomiña. Dende a Concellaría de Medio Ambiente convídase á veciñanza amesá a participar nesta actividade que se desenvolverá o domingo 9 de outubro. Os interesados/as en participar poden inscribirse chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un correo a o enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
A Asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando un día de Limpeza Simultánea en toda Galiza dende os últimos oito anos. Trátase dunha xornada na que os voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza, valor e beleza dos ecosistemas fluviais. O Concello de Ames, como xa fixera nalgunha outra ocasión, súmase a esta iniciativa e fai un chamamento aos veciños e as veciñas para que participen o vindeiro domingo, 9 de outubro, na iniciativa “Móllate polos ríos”.
Trátase dunha xornada na que Concellos ou asociacións, de forma simultánea, reúnen a veciños e veciñas para percorrer, as beiras fluviais dos seus municipios retirando os residuos. En Ames o tramo escollido para efectuar esta tarefa corresponde ao do río Sar, ao seu paso pola Condomiña. Durante unha mañá as persoas que se animen a participar, percorrerán a partir da ponte da Condomiña as beiras do río buscando distintos tipo de lixo e residuos. Estes serán clasificados e depositados en bolsas para a súa posterior reciclaxe. O punto de encontro escollido previo comezo da actividade será a praza do Concello, en Bertamiráns, á que haberá que acudir ás 10:30 horas.
Para poder inscribirse as persoas interesadas deberán poñerse en contacto coa Aula da Natureza a través do seu correo auladanatureza@concellodeames.gal ou chamando ao 660 004 665. Dende o departamento de Medio Ambiente amesán recoméndase acudir con calzado impermeable e resistente, e roupas apropiadas para a tarefa. Os nenos e nenas deben traballar sempre ao carón dunha persoa adulta responsable. Deberase ter especial coidado naquelas zonas nas que a corrente circule con maior forza, evitando darlle as costas ao río. Prégase ademais ás persoas participantes separar o lixo sempre que sexa posible, para facilitar a súa posterior reciclaxe.
Cursos de fotografía e fruticultura
Por outra banda, lémbrase que está aberto o prazo para participar nos cursos de fotografía natural e de fruticultura. O curso de fotografía impartirase nas instalacións da Aula da Natureza os días 1, 29 e 30 de outubro, en horario de 16:00 a 20:00 horas, e está dirixido a persoas maiores de 16 anos. A actividade de fruticultura desenvolverase entre a Aula da Natureza e as fincas nas que se realizarán os exercicios prácticos. Terá lugar os días 1, 16 e 22 de outubro, 5 e 12 de novembro, e 3 de decembro, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
Tanto no curso de fotografía natural como na actividade de fruticultura hai vinte prazas dispoñibles. As persoas que queiran solicitar máis información, ou inscribirse nalgunha destas actividades, pode chamar ao número 660 004 665 ou enviar un corro electrónico ao enderezo auladanatureza@concellodeames.gal.




