Pestanas principais

Ames organiza un curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test

Venres, 05 de outubro de 2012

[05-10-2012] A Concellaría de Xuventude de Ames pon en marcha un curso de inglés destinado a formar a alumnos/as para a realización do exame Preliminary English Test (PET-B1). O curso, dirixido a persoas maiores de 18 anos, empadroadas no Concello de Ames e con coñecementos mínimos de inglés, celebrarase do 23 de outubro ao 4 de xuño no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 19 deste mes. As prazas son limitadas ata un máximo de 15. O curso terá un custe de 187 euros, o que supón unha cota de 26 euros ao mes. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar no curso de inglés.

O Preliminary English Test é un exame nivel intermedio que se corresponde co segundo nivel dos exames de Cambridge, que avalían os coñecementos de inglés xeral dende un nivel principiante ata avanzado. O certificado PET está recoñecido a nivel mundial tanto no sector académico como profesional e é equivalente ao nivel B1 do Marco Europeo Común de Referencia de Linguas Europeas. A obtención do mesmo significa que o alumno ou alumnas á capaz de desenvolver as destrezas lingüísticas necesarias para afrontar situacións sociais e laborais correntes, nun entorno de fala inglesa.

O curso PET do Concello de Ames desenvolverase de outubro a xuño, cunha duración de 90 minutos diarios durante dous días á semana. Nestas clases traballaranse as distintas destrezas requiridas para a proba, utilizando un libro de texto e material de reforzo e práctica do exame, facendo fincapé na parte oral do mesmo.

O número máximo de alumnos é de 15, co obxectivo de que aproveiten as clases ao máximo, facendo, ademais, un seguimento regular da evolución de cada un con avaliacións trimestrais. As clases celebraranse os martes e xoves no Pazo da Peregrina entre as 19:00 e as 20:30 horas.

Requisitos e inscrición
Os requisitos para empadroarse son ter máis de 18 anos, estar empadroado/a no Concello de Ames e ter coñecementos mínimos de inglés (ESO/BUP ou equivalente). Terán preferencia de admisión, sempre que cumpran estes requisitos, as persoas que acrediten estar cursando uns estudos oficiais para os que precisen o certificado de inglés nivel PET ou B1 e as persoas que se atopen recoñecidas dentro dos grupos de familias de especial consideración (Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia).

O prazo de inscrición estará aberto do 8 ao 19 deste mes. A solicitude realizarase cubrindo a ficha de inscrición dispoñible na páxina web www.concellodeames.org e na OMIX e PIX de Bertamiráns e Milladoiro. O impreso debe entregarse nos rexistros municipais axuntando a copia do DNI e do título de ESO, BUP ou equivalente e a documentación acreditativa da condición de familia de especial consideración e/ou necesidade do certificado para estudos especiais, de selo caso.

O material de aula (libro de texto Complete PET con Student's Book+CD-Room e Workbook+CD) e o material funxible serán de balde. Ao remate do curso, se o alumno/a o require, facilitarase a tramitación da matrícula para as probas de Cambridge.

Terán dereito á exención de taxas as persoas en situación de emerxencia declaradas polo Concello de Ames ao abeiro do disposto no regulamento de emerxencia social. Ademais, terán dereito a unha bonificación do 20% das taxas as familias de especial consideración, de acordo coa definición e requisitos establecidos na Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames organiza un curso de inglés para a obtención do certificado Preliminary English Test"