[01-12-2015] A concellaría de Participación, Atención Veciñal e Promoción Económica organiza, a través da Oficina de Voluntariado do Concello de Ames (OVA), a campaña de recollida de xoguetes de Nadal. Baixo o lema ''En Ames todos xogamos'' invítase aos amesáns e amesás a contribuír achegándose este mes de decembro ás Casas da Cultura de Bertamiráns e Milladoiro. O servizo de recollida de xoguetes, permanecerá activo até o martes 29.
Os horarios de recollida de xoguetes son, tanto na Casa da Cultura de Bertamiráns como na do Milladoiro, de 10:00h a 14:00h, polas mañás, e de 17:00h a 21:00h polas tardes. Para obter máis información pódese chamar ao teléfono da OVA, no número 662377044, ou acudir ás súas dependencias nas propias Casas de Cultura.
Solicítase que os xoguetes estean en bo estado, de ser de segunda man, ou que sexan novos. Pídese, así mesmo, que os xoguetes non posúan un carácter sexista; deixando de lado o tópico de agasallar aos nenos con xogos considerados masculinos e con xogos considerados femininos ás nenas, fomentando así a igualdade de xénero dende infancia. Tamén se rexeitarán os xoguetes de carácter bélico, por consideralos contrarios a unha educación na paz e no rexeitamento á violencia.
Esta campaña non busca só a recollida dos xoguetes en si mesma, senón tamén concienciar á cidadanía de que a doazón é un xesto desinteresado, non caritativo, ou unha escusa para reciclar obxectos que ocupen espazo na casa. Do que se trata é de contribuír a que, como di o lema do acto, en Ames xoguen todos os nenos e nenas, axudando a aquelas familias que máis o precisen. A propia OVA será a encargada, ao final da campaña, de facerlles chegar a estas familias os xoguetes recibidos.
Trátase dunha iniciativa que se leva celebrando dende fai xa varios anos no municipio de Ames, que o pasado 2014 chegou a 150 rapaces e rapazas.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: 'Ames y Oroso repiten campaña para la recogida de juguetes'