O BNG de Ames recorda que “A Xunta establece un modelo de cobertura territorial baseado no número de habitantes e na distancia-tempo de resposta. Os concellos que superen os 20.000 habitantes e teñan un crecemento sostido deben estar dotados dun parque propio ou dun servizo permanente de atención inmediata” . Ademais “o Plan Estatal de Protección Civil, recomenda que os concellos de máis de 20.000 habitantes teñan plans locais de emerxencia e estrutura propia de resposta rápida”, engaden.
Os nacionalistas consideran que Ames precisa un parque de bombeiros xa, con recursos humanos e técnicos propios, cun plan realista e un compromiso político firme. Denuncian que deixar este tema sen resolver é un acto de irresponsabilidade que pon en risco a toda a cidadanía.“Esta situación é insostible e profundamente irresponsable, non se lle pode poñer prezo ás vidas dos e das amesás. Un incendio, un accidente ou unha situación de risco non entende de termos municipais. A diferenza entre a vida e a morte pode depender de minutos, e Ames non pode seguir sen un servizo propio que garanta unha resposta rápida e eficaz”, sinalan. “A actitude do alcalde é gravísima, non pode seguir esperando a que os demais lle resolvan os problemas, nin pode continuar ocultando a súa inacción tras escusas institucionais, e non pode seguir tratando a seguridade da veciñanza como unha cuestión menor” engaden.
“Se o alcalde non está disposto a actuar, debería apartarse e deixar paso a quen si teña vontade de defender os intereses de Ames con dignidade e valentía”, conclúen.





