Pestanas principais

Ames mostra o seu rexeitamento colectivo ás violencias machistas coa realización de diferentes actos

Venres, 24 de novembro de 2017

[24-11-2017] O Concello de Ames conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebra este 25 de novembro, coa realización de diferentes actos. Ás 11:00 horas, o alumando do IES de Ames, en Bertamiráns, realizou unha performance en lembranza das 44 mulleres asasinadas no que vai deste ano 2017. Ás 12:00 horas, as rapazas e rapaces de 1º de Bacharelato do IES de Milladoiro realizaron unha lectura de diferentes textos arredor da violencia machista. Posteriormente, ás 13:00h, tivo lugar o acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, onde se procedeu ao reparto de material e á lectura do manifesto por parte do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da directora do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe. Durante o acto institucional tamén se realizou unha apertura simbólica de paraugas para mostrar o rexeitamento colectivo da cidadanía á violencia de xénero.

Un obradoiro sobre as relacións afectivo-sexuais na mocidade
Ademais, os institutos do concello, o IES de Ames e os IES de Milladoiro, acolleron esta mañá a realización do obradoiro A xestión do consentimento e as relacións afectivo-sexuais en mozas e mozos. Destinado ao alumnado de 3º da ESO dos dous centros, o obradoiro foi impartido por Martina González, psicóloga xeral sanitaria, especializada en diversidade sexual e de xénero, sexóloga e terapeuta de parella.

Esta mañá, tamén se procedeu a plantación de árbores no Paseo Carme Amado. Un paseo que foi inaugurado no 2003, en lembranza da primeira muller vítima de violencia machista en Ames. Ademais, ao longo destes días, o Concello estivo a repartir material entre os diferentes establecementos, clubs, asociacións e centros educativos que fan parte da campaña Ames en Negro, coa finalidade de que os escaparates, as instalacións deportivos, os colexios e institutos e, en definitiva, toda a cidadanía amosase a súa repulsa aos actos de violencia contra as mulleres. Neste 2017, xa son máis de 150 os axentes sociais implicados. Desde o Concello de Ames, convídase a toda a veciñanza a pendurar das súas xanelas cartaces da campaña ou pezas de roupa negra durante este 25 de novembro.

Os actos de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres tiveron, este ano, nas novas xeracións ás grandes protagonistas. Tanto é así, que os principais actos de hoxe desenvolvéronse nos centros de ensino secundario do concello. Ás 11:00 horas, o alumnado do IES de Ames, realizou unha performance en lembranza das 44 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas no que vai de 2017. Ás 12:00 horas, foron as rapazas e rapaces de 1º de Bacharelato do IES de Milladoiro os encargos de realizar a lectura de pequenos textos en contra da violencia machista.

“Todas as formas de violencia de xénero aliméntanse do mesmo substrato. Os estereotipos caducos e os mitos enganosos que durante un tempo críamos erradicados, están a ser reproducidos, de maneira preocupante, polas xeracións máis novas. Ante estes estereotipos tan nocivos temos que revelarnos. Ao alumnado do IES de Milladoiro parécenos alarmante que, en moitas ocasións, se perciba a violencia de xénero como algo afastado e alleo. Por iso é preciso saber que algunhas das relacións afectivas que nos circundan ocultan comportamentos discriminatorios inadmisibles”, afirmaban nun dos textos as alumnas e alumnos do IES de Milladoiro. 

Ás 13:00 horas, tivo lugar o acto institucional que se desenvolveu na Praza do Concello de Bertamiráns. Alí procedeuse ao reparto de material e á lectura do manifesto por parte do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e da directora do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe. Durante o acto institucional, tamén se realizou unha apertura simbólica dos paraugas da campaña En Negro contra as Violencias, co obxectivo de tinguir a praza de negro e mostrar unha repulsa colectiva ás violencias machistas.

“A loita contra as violencias machistas debe ser unha prioridade institucional e política, non só dos organismos e departamentos de igualdade, senón en todos os ámbitos que afectan á vida das nosas veciñas e veciños. Actuar sobre as violencias machistas supón recoñecer graves fendas de xénero no ámbito social, no ámbito económico, no cultural... Supón, tamén, atallar as causas estruturais que sustentan estas desigualdades, a través do desenvolvemento de políticas de igualdade e do respecto minucioso aos dereitos humanos”, salientou a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, durante a súa intervención.