Pestanas principais

Ames manterá os parques infantís pechados ata que se poidan garantir as medidas de prevención e seguridade

Luns, 15 de xuño de 2020

O Concello de Ames vese na obriga de manter pechados os máis de 30 parque infantís que ten no termo municipal, así como os parques biosaudables, ata que se poidan garantir as medidas de prevención e seguridade, establecidas pola Xunta de Galicia na Resolución do 12 de xuño de 2020 sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. Dende a Concellaría de Obras e Servizos Básicos explican que é imposible adoptar ditas medidas en dous días, xa que a resolución saíu publicada no DOG o pasado sábado 13 de xuño e os parque infantís poden abrirse dende este luns 15 de xuño. Os parques iranse abrindo de xeito gradual, en función de que se cumpran os requisitos establecidos pola Xunta.

Na resolución do 12 de xuño de 2020 sobre as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, publicada pola Xunta de Galicia o pasado sábado, 13 de xuño, establécese a posibilidade de abrir dende este luns, 15 de xuño, os parques e zonas deportivas de uso público ao aire libre.

Tal e como se indica na Resolución publicada o 13 de xuño no DOG, os parques infantís e espazos de uso público ao aire libre poderán estar abertos ao público sempre que se respecte unha capacidade máxima estimada dunha persoa por cada catro metros cadrados de espazo computable de superficie do recinto. Para iso, previamente debe ser o Concello o que calcule o aforo do que dispón cada parque infantil e biosaudable, así como hai que colocar os correspondentes carteis informativos.

Ademais, en dita Resolución establécese a obriga de levar a cabo unha limpeza e desinfección diaria destes espazos nas áreas de contacto das zonas comúns, tales como xogos das áreas infantís ou mobiliario urbano de uso compartido. Outra das medidas de seguridade publicadas no DOG é a de contar con xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida (ou dunha solución xabonosa no caso de espazos para menores de dous anos de idade).  

Deste xeito, os parques infantís e biosaudables iranse abrindo de xeito gradual, en función de que se vaian cumprindo os requisitos establecidos pola Xunta de Galicia.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, explica que “a Xunta toma decisións sen contar para nada cos Concellos. O sábado publicaron unha resolución no DOG que permite a apertura dos parques infantís, biosaudables, etc, co que centos de rapaces e rapazas botaranse a ocupar os seus espazos, ata o de agora pechados, pero non nos dan explicación algunha de como temos  que desinfectar diariamente os máis de 30 parques que existen en Ames. En dous días é totalmente imposible contratar ese servizo de limpeza, colocar dispensadores de hidroxel en todos eles, poñer carteis informativos sobre o aforo e uso dos mesmo, etc”.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Los niños no podrán usar sus parques hasta julio al no estar adaptados aún"

Imaxe dun parque infantil pechado