[29-11-2017] A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, informa que, o martes 14 de novembro, o goberno de Ames iniciou as negociacións coa formación Ames Novo para acadar un acordo para a aprobación dos Orzamentos de 2018. Nesta xuntanza inicial tratáronse varios asuntos entre os que destacan a aposta pola construción dun proxecto de participativos a medio/longo prazo, a continuación da política social que se puxo en marcha coa nova Renda Social Municipal, a continuación do estudo de municipalización do servizo de auga e a posibilidade de cancelación do Plan de Axuste (2012-2002) ao que está sometido o Concello de Ames dende a súa aprobación en solitario polo daquela goberno maioritario do PP.
A proposta de Ames Novo sobre a posibilidade de cancelación do Plan de Axuste foi recollida con satisfacción polo grupo de goberno, que xa estaba estudando a posibilidade de amortizar os dous préstamos ligados a esta operación do Plan de Pago a Proveedores, tal e como se recollía no acordo de Goberno das tres forzas que conforman o goberno municipal, asinado en xullo de 2015.
Cos datos da liquidación do exercicio 2016, aprobada o pasado día 16 de novembro, o resultado volve a ser dun superávit, tras os axustes correspondentes, de 3.365.952,25 € e remanente de tesourería de 5.774.350,42 €, resultado da xestión en materia económica que se está a facer por parte do goberno e que permitirá chegar a un primeiro acordo coa formación Ames Novo para destinar este superávit a amortizar o Plan de axuste, que dende hai 5 anos está a causar numerosos problemas de xestión no Concello de Ames, con elevados importes en amortización e intereses que ascendían a mais de 215.000€ anuais e que Ames debía acometer nas vindeiras 5 anualidades.
Así, o total da débeda bancaria do Concello de Ames a 31/12/2017 que ascendería a 2.774.350,42 €, pasaría a ser de 0 € de aprobarse os expedientes na sesión plenaria deste xoves 30 de novembro. Dentro desta cifra estaría a correspondente ao Plan de Pago a Proveedores (2012-2022) que ascende a 1.095.916,42 € e que suporía a cancelación automática do tan gravoso Plan de Axuste 2012-2022 ao que está sometido o Concello de Ames.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, manifesta “Amoso a nosa satisfacción por este acordo acadado coa formación Ames Novo na negociación iniciada para os orzamentos 2018, isto confirma que coincidimos nas prioridades para eliminar o Plan de Axuste do noso Concello que limita a nosa marxe de actuación en prexuízo das nosas veciñas/os. Non compartimos as medidas aprobadas neste Plan tan restritivo entre as que se establecen subidas de impostos, supresión de exencións e bonificacións, redución de custos de persoal, non cobertura de baixas, redución da partida destinada a Fondo Acción Social, ...e moitas outras medidas que afogan ao noso Concello. Contentos tamén por acadar o nivel de débeda cero no Concello de Ames con tan só dous anos e medio de goberno”.
Pola súa banda, o voceiro de Ames Novo, Quique Costas, expresou a súa “satisfacción por ter atopado receptividade no goberno á nosa demanda de pechar o plan de axuste. Seben consideramos que non é boa noticia que un concello como Ames, con tantas necesidades sen cubrir, teña superavits orzamentarios tan abultados, tamén é certo que estes son produto en boa medida da aplicación de uns orzamentos que non estaban adecuados ás verdadeiras necesidades e a realidade do concello. A aprobación dos orzamentos do 2017 ten que servir, tamén, para aminorar este efecto”. Para engadir: “A eliminación do plan de axuste vainos permitir saír de algunhas das medidas de austeridade que nos estaban a estrangular e abre, ademais, a posibilidade de constituir empresa municipais xestoras de servizos públicos, algo que non podíamos facer mentres estivese vixente o plan de axuste”.
Evolución da débeda
A evolución da débeda do Concello de Ames acadou o seu máximo histórico no ano 2012 con 5.446.000€ en pleno goberno do PP en maioría. Ao longo dos seguintes anos esta débeda reduciuse ata alcanzar os 4.115.000€ a finais do 2015, prácticamente a mesma que cando alcanzaran o poder en 2011. O Goberno tripartito xa no ano 2016 reduciu a débeda ata os 3.436.000€ (-676.000€), quedando as previsións de cara a finais de 2017 en 2.774.000€ (un 33% menos que a inicial).
Agora, coa proposta de amortización total que se levará a pleno, cumprirase o obxectivo de débeda cero, logrando así, nos dous anos e medio ao fronte da administración, quitar os 4,1 millóns de euros pendentes de pago que herdou do Goberno do PP e pasar a englobar a lista de Concellos de Galicia con débeda cero, tales como Vigo, Lugo, Carballo ou Arteixo e sen deixar de realizar investimentos (preto de 5 millóns xestionados dende 2015) e a ampliación e prestación de novos servizos, amosando eficiencia, eficacia e equilibrio entre a xestión económica e a prestación de servizos.





