Pestanas principais

Ames leva ás súas prazas baile, combat e ioga

Luns, 05 de xullo de 2021

O Departamento de Promoción da Saúde, en colaboración ca empresa BeOne, pon en marcha o novo programa "Saúde nas prazas". As actividades, que se desenvolverán ás 20.30 horas, comezarán o luns 5 de xullo e rematarán o vindeiro 31 de agosto. A través deste proxecto preténdese achegar e fomentar hábitos de vida saúdables á veciñanza de Ames, de todas as idades, dun xeito lúdico e divertido para coidar a saúde física e emocional.

Baile na rúa, combat e ioga. Os veciños e veciñas de Ames, de todas as idades, poderán desfrutar destas actividades, ás 20.30 horas, na Praza Horta de Arriba, na da Madalena, a de Chavián, no entorno da Casa da Cultura e no Pazo da Peregrina. Preme nesta ligazón para consultar os horarios e lugares nos que se realizará cada actividade.

Esta mañá, a Concellaría de Promoción da Saúde presentou, no Pazo da Peregrina o novo programa “Saúde nas prazas”. Ao acto acudiron Luísa Feijóo, concelleira de Benestar Social e Promoción da Saúde, Carlos Amado, Director do Complexo Deportivo da Piscina Municipal de A Telleira, e Rosana Martínez, Técnica de Promoción da Saúde do Concello de Ames.

Luísa Feijóo, concelleira de Promoción da Saúde asegurou que: “Despois da boa acollida que tivo a experiencia do Desconfinamento Saudable o verán pasado, seguimos programando actividades ao aire libre pensadas para cuidar a saúde física e emocional, tan importante, sempre,  e mais nestes intres. Con este tipo de actividades pretendemos seguir fomentando hábitos e estilos de vida saudables entre a nosa poboación e que mellor que iniciarse na actividade física dun xeito lúdico , divertido e ao aire libre. Temos que agradecer a colaboración da empresa BeOne, gracias a cal se fai posible esta actividade”.

Pola súa banda, Carlos Amado, Director do Complexo Deportivo da Piscina Municipal de A Telleira, explicou que: “Desde BeOne, temos unha serie de actividades promocionando a saúde e sempre as facemos dentro das instalacións e, agora, é unha oportunidade para sacalas á rúa. Nós tiñamos un programa de dinamización social para facer no exterior, que tivemos que deixar de facer polo Covid, que queríamos retomar e, polo tanto, veunos  moi ben colaborar con estas actividades do Concello.

Ademais, recordou que: “A actividade física e boa para quen a practica e nós queremos promover esa práctica dentro de distinto niveis, facilitar a todo o mundo a práctica de actividade física”.

Rosana Martínez, Técnica de Promoción da Saúde, engadiu que: “Seguimos en marcha promocionando a saúde con esa ferramenta fundamental que temos que son as actividades de educación para a saúde. Estas deben englobar diferentes ámbitos (escolar, familiar e laboral) e diferentes idades. Co programa Saúde nas Prazas facemos unhas actividades abertas para todos aqueles e aquelas que nese momento se encontren nas prazas e queiran participar sen compromiso, sexan pais, nais, nenos ou avós e avoas. Tratamos de poñer un abanico de actividades para todos e todas e calquera idade”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames promociona a saúde levando o baile, combat e ioga ás prazas do concello"

La Voz de Galicia: "El Programa «Saúde nas prazas» llega a Bertamiráns y O Milladoiro "

Saúde nas Prazas

Multimedia

  • Saúde nas Prazas