[26-05-2017] O Concello de Ames, como membro da Rede española de cidades saudables, participa na Semana sen fume, que é unha iniciativa da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria (semFYC) en colaboración co Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Deste xeito, lanza unha campaña entre a veciñanza para axudar a aquelas persoas que queiran deixar de fumar. Ademais, no marco da campaña “menos cajetilla e máis zapatilla”, este domingo, 28 de maio, realízase unha andaina pola ruta do rego da Andoriña para fomentar hábitos de vida mais saudables.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “o Concello de Ames adhírese por segundo ano consecutivo á campaña da Semana sen funme que se desenvolve entre o 25 e o 31 de maio. O ano pasado o que fixemos foi convidar a todos os/as traballadores/as municipais que eran fumadores a que deixaran de fumar e acompañalos en dito proceso. Este ano queremos dar un paso máis e convidamos a toda a veciñanza amesá a que deixe de fumar. Para iso vaise ofrecer asesoramento e información a través do departamento de Ames Saudable que está situado no Pazo da Peregrina”.
Dende a Concellaría de Sanidade vaise a repartir entre a veciñanza amesá unha receita médica na que en prescrición pon deixar de fumar e en recomendacións para o paciente pódese ler: Parabéns! Deixar de fumar é o mellor que pode facer pola súa saúde. Para deixar de fumar o Concello de Ames recoméndalle a todos os veciños e veciñas que pasen polo departamento de Ames saudable, que está situado no Pazo da peregrina, de Bertamiráns.
Calquera persoa pódese achegar por este lugar de xeito presencial ou enviar un correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal para concertar unha cita. Estas receitas poderanse atopar nas farmacias e parafarmacias do concello, así como nas dependencias municipais (Casa do Concello, Casas da Cultura, Bibliotecas municipais, Oficinas xerais do Milladoiro, Pazo da Peregrina, nas oficinas de consumo e no servizo municipal de augas e de recadación).
Asemade, este ano a través da campaña Menos cajetilla e máis zapatilla preténdese non só promover o abandono do tabaco, senón integralo nun proceso de cambio cara a hábitos de vida mais saudables, asociando os beneficios de deixar de fumar aos de incorporar a actividade física á nosa vida diaria. A incorporación do exercicio nas nosas rutinas reporta indubidables beneficios a nivel de saúde. A inactividade física e o sedentarismo están asociados a un incremento das enfermidades cardiovasculares e dalgún tipo de cancros, como mama, colon, próstata, ovario, ademais da enfermidades respiratorias. Mesmo se esta empezando a considerar a inactividade física como o cuarto factor de risco cardiovascular, xunto cos clásicos de tabaquismo, HTA e Hipercolesterolemia.
Andaina pola ruta do rego da Andoriña
Deste xeito, no marco desta campaña, este domingo, 28 de maio, realízase unha andaina pola ruta do rego da Andoriña para fomentar hábitos de vida mais saudables. Nesta andaina percorreranse cinco quilómetros andando polas beiras do río Tambre e do rego do Andoriña. Faranse tres paradas, unha nun tramo a beira do devandito rego, outra nun souto situado no lugar de Rúa, e un terceiro na capela do priorado de San Mamede. Trátase dunha andaina aberta a todos os públicos que é circular, polo que arranca e remata na praia fluvial de Tapia. A través desta actividade daráselle ás persoas fumadoras participantes unha serie de pautas para deixar de fumar.
Luísa Feijóo remata dicindo que o obxectivo principal desta campaña “é encamiñar á veciñanza cara unha vida máis saudable. Dende a Rede española de cidades saudables recomendan ter unha alimentación saudable, facer exercicio físico e deixar certos hábitos que son prexudiciais para a saúde. Todo o que sexa buscar beneficios da saúde dos amesáns e amesás, ao final repercute de xeito beneficioso no propio concello. Polo que é necesario camiñar en prol da nosa saúde e deixar os malos hábitos”.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "El Concello ayudará a los vecinos que quieran a dejar de fumar"




