Pestanas principais

Ames inspecciona as súas redes de abastecemento de auga e saneamento, que suman 362 kilómetros

Venres, 23 de xaneiro de 2015

[23-01-2015] O Concello de Ames iniciou o pasado día nove de xaneiro unha auditoría técnica das redes de abastecemento e saneamento do seu territorio. Os traballos de campo ocuparán unhas cinco semanas aproximadamente, mentres que nos seguintes quince ou vinte días se redactará o informe correspondente. Consistirá nunha memoria explicativa e convenientemente estruturada co obxecto de verificar o correcto estado de conservación e funcionamento, e en caso contrario “identificar os elementos que deben ser reparados ou substituídos”, segundo explican fontes municipais.

En canto ao servizo de abastecemento, inspeccionaranse as ETAPs (Estación de Tratamento de Augas Potables), depósitos municipais, instalacións de bombeo, conducións xerais, rede de distribución, billas, bocas de rega e incendio, válvulas, etcétera. Mentres que no de saneamento, revisaranse as EDARs (Estación Depuradora de Augas Residuais), foxas sépticas, pozos e unidades de bombeo e pozos e colectores xerais.

Ademais, segundo destaca a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín, tamén se comprobará a planimetría, é dicir, a exactitude da cartografía das redes ou, no seu caso, a corrección e actualización dos mapas. “É un traballo moi completo –agrega Martín– que procede agora xa que estamos inmersos na transferencia entre empresas, logo de dezasete anos, da xestión do ciclo integral da auga. En termos de eficiencia medioambiental precisamos ter un coñecemento exhaustivo e rigoroso do estado das redes”.

172 e 190 km de rede
A rede de abastecemento de auga esténdese ao longo de case 172 km, cuxas instalacións principais son a captación, ETAP e bombeo de Quistiláns, o bombeo de Aldea Nova e os depósitos do Milladoiro, Aldea Nova, Bosque Animado e Castiñeiro do Lobo. Pola súa parte, a rede de saneamento e augas pluviais alcanza case os 190 km que inclúen 2.524 pozos de rexistro e 21 unidades de bombeo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames acomete la auditoría de sus entubados desde hace semanas"
La Voz de Galicia: "Una auditoría revisará los 362 kilómetros de tuberías de la red de agua de Ames"