Pestanas principais

Ames inicia un programa de intervención asistida con cans de apoio social, co fin de mellorar a calidade de vida das súas maiores

Martes, 02 de novembro de 2021

Esta semana, a Concellaría de Benestar Social, Voluntariado e Promoción da Saúde do Concello de Ames deu comezo a unha serie de intervencións asistidas para persoas maiores con cans de apoio social, como reforzo das aulas de estimulación cognitiva organizadas pola propia Concellaría. O programa realizase en coordinación coas monitoras da aula, con animais especificamente adestrados e seleccionados e xunto cun equipo multidisciplinar de técnicas con formación especializada. Bizcocho e Musa foi a parella de cans encargada de inaugurar as sesións, cunha “gran acollida” das usuarias da aula de memoria, segundo a concelleira Luísa Feijóo. Estas intervencións aportan grandes melloras ás persoas maiores asistentes ás aulas, non só polos beneficios na saúde física, senón que tamén a nivel cognitivo, social e emocional, aumentando a súa calidade de vida e a motivación e a adherencia a estes programas.

O obxectivo principal das intervencións deste tipo é o empoderamento das persoas participantes, ao tratar de que coñezan mellor as súas propias capacidades e emocións, potenciando a súas habilidades comunicativas e sociais. O acompañamento de persoal especializado e de animais de apoio social non só aportan un extra de motivación, senón que tamén mellorar a adherencia e a continuidade nos programas deste tipo.

Está demostrado que o vínculo afectivo que xorde entre persoas e animais é incondicional e moi beneficioso. Numerosos estudos aseguran que compartir tempo con animais domésticos, como os cans, axuda a diminuír a tensión arterial e a frecuencia cardíaca. Ademais, gozar da súa compañía alivia a tensión e a ansiedade, e prevén a soidade e o sedentarismo, o que repercute directamente no benestar diario e na calidade de vida dos maiores.

As intervencións asistidas con cans de apoio social aportan beneficios en catro apartados chave para a calidade de vida. A nivel físico, melloran as habilidades motoras das persoas participantes e diminúen a súa presión arterial e a súa frecuencia cardíaca. No apartado emocional, increméntase a interacción entre usuarias e usuarios do servizo, aumentando a súa autoestima e os estados de ánimo positivos, e reducindo a sensación de soidade e a ansiedade. Asemade, no senso cognitivo, mellora a memoria e a concentración, a capacidade de atención, o uso da linguaxe e a capacidade de expresar emocións. Este conxunto de beneficios afecta positivamente no eido das relacións sociais, xa que se producen máis interaccións interpersoais e incrementa a participación nas actividades de grupo.

A concelleira de Benestar Social, Voluntariado e Promoción da Saúde, Luísa Feijóo, destacou a gran acollida desta primeira sesión: “Ao fío da adecuación ás novas realidades e demandas das nosas usuarias e usuarios que vimos realizando no programa Amessán, comezamos esta semana o reforzo das aulas de estimulación cognitiva da man de Bizcocho, Musa e as súas adestradoras, que fixeron as delicias das usuarias das aulas de memoria. Foi unha ledicia ver a gran acollida que tivo esta iniciativa, que seguirá todo o trimestre nos grupos: sentir as emocións que lles espertou a presenza de Bizcocho e Musa, ver como interactuaban, como se preocupaban polas súas historias...”

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Ames mejora la calidad de vida de mayores con perros de apoyo"

El Correo Gallego: "Ensayan con superperros de apoyo social para estimular a los mayores"

AMSGO!: "‘Bizcocho’ e ‘Musa’, apoio canino para o benestar dos maiores"

Ames inicia un programa de intervención asistida con cans de apoio social, co fin de mellorar a calidade de vida das súas maiores

Multimedia

  • Ames inicia un programa de intervención asistida con cans de apoio social, co fin de mellorar a calidade de vida das súas maiores
  • Ames inicia un programa de intervención asistida con cans de apoio social, co fin de mellorar a calidade de vida das súas maiores
  • Ames inicia un programa de intervención asistida con cans de apoio social, co fin de mellorar a calidade de vida das súas maiores