- Tematica
O Concello de Ames informa á veciñanza sobre a nova estrutura da taxa do lixo, na primeira actualización desde o ano 2011. A modificación responde aos cambios normativos europeos e estatais en materia de residuos e incorpora dúas partes: unha cota fixa, vinculada á recollida, e outra variable, asociada ao tratamento e á xeración de residuos. A taxa contempla bonificacións do 15% acumulables sobre a parte variable e unha redución do 50% da cota total por exclusión social. Desde 2027 poderá solicitarse o pagamento fraccionado en tres cotas.
A Lei 7/2022, de residuos e solos contaminados para unha economía circular, establece a obriga de contar cunha taxa específica, diferenciada e non deficitaria que reflicta o custo real do servizo e permita implantar sistemas de pagamento por xeración.
Segundo os datos municipais, o custo anual do servizo de recollida do lixo ascende a 3.343.654,27 euros, fronte a unha recadación anterior aproximada de 1,3 millóns de euros. Coa nova estrutura, a previsión municipal é que a taxa financie o 75% do custo e que o Concello asuma o 25% restante.
Como se calcula a cota das vivendas
Nas vivendas, a cota fixa anual será de 40,66 euros nas zonas de frecuencia alterna de recollida e de 67,77 euros nas zonas de frecuencia continua. A esta cantidade sumarase unha cota variable de 21,36 euros por habitante ao ano.
O importe final dependerá da frecuencia de recollida e do número de persoas empadroadas na vivenda. Cando non conste ningunha persoa empadroada, computarase un habitante.
Actividades económicas
As actividades económicas contarán cunha cota fixa de 272,91 euros. A parte variable adaptarase á xeración de residuos de cada actividade unha vez rematado o estudo de campo, tendo en conta os metros cadrados e os coeficientes de estimación establecidos nas táboas correspondentes.
Bonificacións e protección das persoas en exclusión social
A nova taxa contempla bonificacións do 15% sobre a cota variable nos supostos de compostaxe e de uso do punto limpo máis de dúas veces. Tamén prevé unha bonificación do 15% para as empresas de distribución alimentaria e de restauración que cumpran os requisitos establecidos e conten con acordos con entidades de economía social sen ánimo de lucro.
Ademais, establécese unha redución do 50% sobre a cota total, fixa e variable, por motivos de exclusión social. A súa aplicación require un informe dos Servizos Sociais municipais que acredite esta situación como persoa usuaria dos servizos sociais do Concello.
As bonificacións e reducións deberán solicitarse a través da Sede electrónica. As persoas que non estean obrigadas a relacionarse electronicamente coa Administración tamén poderán facelo no Rexistro Xeral do Concello ou polas demais vías admitidas legalmente.
Dous recibos e posibilidade de fraccionamento desde 2027
O pagamento realizarase en dous recibos diferenciados: un correspondente á cota fixa e outro á variable. En 2026, o recibo da cota fixa pasarase no segundo semestre, mentres que o da parte variable se emitirá cando rematen os traballos técnicos de incorporación e cruzamento de datos co padrón municipal de habitantes.
Desde 2027, as persoas interesadas poderán solicitar a adhesión a un Plan Especial de Pagamentos para fraccionar o pagamento en tres cotas mediante domiciliación bancaria. A solicitude deberá presentarse antes de que remate o mes de febreiro de cada ano.
Toda a información sobre a nova taxa do lixo estará dispoñible nos canais oficiais do Concello de Ames, incluída a web municipal concellodeames.gal.





