Pestanas principais

Ames incrementa a prestación do servizo de axuda no fogar (SAF) en 1.372 horas ao mes

Mércores, 05 de outubro de 2016

[05-10-2016] O Concello de Ames acaba de facer un importante esforzo orzamentario para poder incrementar en 1.111 horas o programa de axudar no fogar, que está dirixido aos veciños/as amesáns en situación de dependencia. Este servizo conta cunha achega da Consellería de Política Social para o seu cofinanciamento. A maiores, e co obxectivo de dar cobertura a maior parte da veciñanza, naquelas situacións que así o precisen, tamén se acordou incrementar o servizo en 261 horas ao mes para atender a aquelas persoas que non tiveran resolución de dependencia, pero que a súa situación de urxencia fixese preciso a alta neste servizo.

A lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia define o servizo de axuda no fogar (SAF) como un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia na súa contorna habitual. O SAF poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia para as cales, de acordo coa valoración técnica dos servizos sociais, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

Coa implantación da lei 39/2006 de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situacións de dependencia, existen dúas modalidades de acceso: o servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia, para persoas con recoñecemento de dependencia; e o servizo de axuda no fogar na modalidade de libre concorrencia, para aquelas persoas que tendo ou non unha situación de dependencia recoñecida, co obxectivo de dar resposta a unha situación de urxente necesidade de atención.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, explica que “aínda que supón un gran esforzo orzamentario dende o Concello apostamos fortemente por este programa, xa que entendemos que non é un servizo sen máis, senón que é un dereito. Ademais deste incremento de horas para poder chegar a un maior número de usuarios e usuarias, tamén levamos a cabo outra serie de actuacións encamiñadas a mellora do servizo como son a unificación da xestión, de criterios, procedemento, etc”.

Obxectivos do servizo de axuda no fogar
En calquera caso daráselle prioridade de acceso ao servizo de axuda no fogar ás persoas que teñan recoñecido un dereito de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia. Os obxectivos básicos do servizo de axuda no fogar son: mellorar a calidade de vida das persoas usuarias; posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; e retardar ou evitar a institucionalización.

Para dar cumprimento a estes obxectivos poden prestarse, entre outras, tarefas de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria (aseo, levantarse e deitarse, control do réxime alimentario, axuda e control da medicación prescrita,…) ou na realización doutras tarefas da vida diaria (acompañamento a consultas ou tratamentos, apoio psicosocial,...).

Existe unha oficina nos servizo sociais do Concello para a xestión deste programa que atende á veciñanza de luns a venres, en horario de 09:00 a 13:30 horas, ou no correo electrónico saf@concellodeames.gal.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames incrementa el servicio de ayuda en el hogar en 1.372 horas al mes"
El Correo Gallego: "Casi 1.400 horas más al mes para dependientes de Ames"