Pestanas principais

Ames incrementa o número de puntos de doazón de sangue

Xoves, 11 de agosto de 2011

[11-08-2011] A concelleira de Sanidade, Eugenia Martín, reuniuse este mércores pola mañá coa representante do Centro de Transfusións de Galicia, Pilar Sobrino, para establecer novos puntos de doazón no termo municipal de Ames. O goberno municipal vai establecer un terceiro punto de doazón de sangue, que se alternará entre as urbanizacións e o rural amiense. Deste xeito, ademais de ir a Bertamiráns e Milladoiro, a unidade móbil achegaríase unha vez ao mes as diferentes urbanizacións que existen no concello ou as parroquias de Bugallido ou de Biduído. A unidade móbil estará o 29 de setembro pola tarde na urbanización de Aldea Nova. A partir dese momento está previsto que se achegue ás urbanizacións e á zona rural. Durante os primeiros sete meses deste ano houbo 745 doazóns. Agora mesmo existe unha ratio de 37 donantes por cada mil habitantes.

O Centro de Transfusión de Galicia achega persoal sanitario ata Bertamiráns e o Milladoiro para proceder ás doazóns que garantirán un futuro desenvolvemento correcto na labor asistencial dos centros sanitarios galegos. Habitualmente as unidades móbiles sitúanse na avenida da Mahía, en Bertamiráns, e na rúa Curuxa do Milladoiro, no horario de 9:30 ás 14:30 e de 15:30 ás 21:00 da noite en ambos días. Agora, vaise establecer un terceiro punto de doazón de sangue, que se alternará entre as urbanizacións que existen no termo municipal e a zona rural amiense.

En Ames hai un bo número de doazóns pero o obxectivo é manter o nivel de participación para que o municipio siga sendo un dos máis solidarios de Galicia. Inténtase así colaborar coa labor asistencial nos centros sanitarios galegos, que van a precisar ao redor de 40.000 doazóns de sangue nos meses de verán e 500 doazón diarias.

A unidade móbil estará no mes de agosto en Ames, o 23 en Bertamiráns e o 25 en Milladoiro. Para o mes de setembro está previsto que a unidade móbil do Centro de Transfusións de Galicia estea o 21 no polígono Novo Milladoiro, o 22 na rúa Curuxa do Milladoiro, o 27 na avenida da Mahía, en Bertamiráns, e o 29 na urbanización de Aldea Nova. A partir dese momento está previsto que se achegue ás urbanizacións e á zona rural amiense.

Número de doazóns en Ames

Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia durante o 2009 houbo 897 doazóns en Ames. En 2010 incrementouse o número de donantes nun 14%, rexistrándose un total de 1.019 donacións. No que se refire ao 2011, durante os primeiros sete meses deste ano houbo 745 donacións. O número de donacións durante o 2011 xa é superior ao rexistrado en 2010, xa que durante os primeiros sete meses do ano pasado realizáronse 541 donacións.

Agora mesmo existe un ratio de 37 donantes por cada mil habitantes. Dende o Concello de Ames agárdase que esta ratio se incremente chegando a 40 donates por cada 1.000 habitantes e incluso poder superala.

Un xesto desinteresado

A doazón de sangue é un xesto desinteresado que debe facerse por vontade propia. Porén, existen unha serie de requisitos motivados pola necesidade de protexer a saúde do doador e do receptor como ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos, sentirse ben, ter comido e non ter doado sangue nos últimos dous meses.

Os homes poden doar 4 veces ao ano e as mulleres 3. Partindo destes requisitos mínimos, establécense unha serie de condicións que permiten ou non a doazón. Os enfermos de hepatite B ou C, SIDA, Sífilis e todas aquelas enfermidades que se transmiten por vía sanguínea non poden ser doadores. Tampouco poden persoas diabéticas, epilépticos ou persoas con enfermidades graves. En todo caso, o médico é sempre quen decide despois do recoñecemento oportuno.

Tan só quince minutos do teu tempo poden resolver moitos problemas de saúde ou salvar vidas. Á hora de doar, non se debe acudir sen almorzar e despois do xantar é preciso agardar dúas horas. De todos modos, o persoal sanitario revisará o teu estado de saúde. O material utilizado será estéril e dun só uso. Na doazón non existe ningún tipo de risco de contraer enfermidades transmisibles polo sangue. Da túa doazón obtéñense tres compoñentes sanguíneos que se utilizan para diferentes problemas da saúde.

O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia fan un chamamento á participación de todos os veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue. Un acto de solidariedade e compromiso social que adquire unha relevancia especial en épocas de vacacións. Trátase dunha acción coa cal se poden salvar moitas vidas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Donación de sangre en las urbanizaciones y rural de Ames"