Pestanas principais

Ames incrementa a 120.000 euros a dotación destinada as axudas ás familias numerosas do concello

Sábado, 05 de febreiro de 2011

[05-02-2011] O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a convocatoria das axudas ás familias numerosas, polo que, aquelas familias que cumpran os requisitos e estean interesadas nestas axudas deberán presentar a súa solicitude no prazo dun mes dende o día seguinte da publicación da convocatoria no BOP. A contía total destinada a estas axudas é de 120.000 euros e as familias que obteñan a axuda recibirán 1.200 euros por unidade familiar. Con este tipo de iniciativas o concello de Ames pretende axudar en tempos de dificultade aquelas familias que máis dificultades teñen para a crianza dos fillos, máis en tempos de crise.

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte as bases que regulan a convocatoria de axudas para familias numerosas que este ano 2011 conta cunha dotación total de 120.000 euros, dos que as familias que obteñan a axuda recibirán 1.200 euros por unidade familiar. A dotación total do ano pasado era de 80.000 euros, polo que se produciu neste apartado dos orzamentos un aumento de 40.000 euros, unha mostra máis do compromiso do goberno municipal, a través da concellería de Benestar Social e Igualdade, coas familias e en non recortar dos orzamentos por motivo da crise aquelas dotacións destinadas aos servizos sociais.

Dado que a publicación da convocatoria foi o día 3 de febreiro, os interesados nestas axudas teñen de prazo para a presentación das súas solicitudes ata o 4 de marzo de 2011.

Beneficiarios e condicións

Poderanse beneficiar destas axudas aquelas familias numerosas que teñan a súa residencia habitual no concello de Ames e que cumpran os seguintes requisitos.

Os solicitantes deberán presentar os documentos que acrediten que teñen fixada a súa residencia no concello e os fillos incluídos no título de familia numerosa deberán formar parte da unidade de convivencia, agás que estuden fóra, caso no que deberá presentarse documento acreditativo de estudos deste e o seu empadroamento en Ames. En caso de nulidade matrimonial, separación ou divorcio so beneficiario das axudas será aquel que teña a custodia dos fillos e estes deben formar parte da unidade de convivencia do proxenitor que teña a súa custodia e sexa titular da cartilla de familia numerosa. En caso de que un só menor dea lugar á expedición de dous títulos de familia numerosa, só só se lle concederá a axuda a aquela persoas que acredite a custodia deste menor. Se se trata de familias monoparentais só se requirirá que este figure como empadroado no concello con un mínimo dun ano de antigüidade. Se se trata de menores que teñen un titor/a, será este titor/a o que deberá acreditar o seu empadroamento.

Outra das condicións indispensables que todo solicitante debe cumprir para obter as axudas é o de ter unha renda inferior aos seguintes umbrais máximos: non superar os 15.675,57 euros de ingresos anuais para familias con tres membros; non superar os 18.593,56 euros anuais as familias con 4 membros; non superar os 21.100,58 euros aquelas que teñan 5 membros; 23.521,08 as de 6; 25.808,71 as de 7 membros; 28.082,95 as de 8 membros e a partir dos 8 membros engadirase a esta cantidade 2.254,67 euros por cada novo membro computable.

Documentación solicitada

Para a presentación da solicitude establécese a necesidade de presentar tamén a seguinte documentación: a fotocopia compulsada do DNI/NIF ou calquera outro documento acreditativo da identidade do solicitante, o certificado de padrón municipal de habitantes, a copia compulsada da sentenza de nulidade, separación ou divorcio daqueles que se atopen nesta situación e unha declaración xurada que garanta que estas persoas non teñen custodia compartida; fotocopia compulsada do documento que acredite a condición de titor dun menor; fotocopia do título de familia numerosa en vigor, certificación do número de conta bancaria do solicitante, fotocopias dos xustificantes de pago de aluguer ou de hipoteca do ano obxecto da convocatoria (2010) a a autorización tributaria asinada ou copia compulsada do último IRPF (2009) declarado de todos os membros maiores de 18 anos que formen a unidade de convivencia.

Lugar de recollida e presentación das solicitudes

As solicitudes e a documentación requirida poderán recollerse nas oficinas municipais de servizos sociais en Bertamiráns (Centro Socio-Cultural da Xuventude e Terceira Idade, sito na Praza Chavián sen número) e no Milladoiro nas oficinas de Servizos Sociais sitas na Rúa de Abaixo número 10.

A entrega das solicitudes e da documentación requirida presentarase no rexistro Xeral na casa do Concello en Bertamiráns ou no Rexistro existente na oficina municipal do Milladoiro que se atopa na Rúa de Abaixo número 10.

O concello conta cun período de 6 meses, contando a data de entrada das solicitudes no Rexistro, para a súa resolución. Se dito prazo transcorre e non hai unha resolución expresa entenderase que a axuda foi denegada. Picando nas ligazóns que hai ao pé desta anuncio podes descargar a convocatoria e os modelos de solicitude desta liña de axudas.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las ayudas a las familias numerosas amienses serán de 1.200 euros"