[04-11-2014] O Concello de Ames celebra unha nova edición da Mostra de Teatro Afeccionado coa que encherá de espectáculo e divertimento as Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Nesta última localidade, ás 21:00 horas, iníciase este venres 7 de novembro o ciclo teatral coa representación da obra Santa Perpetua. Trátase dunha montaxe da dramaturga Laila Ripoll protagonizada por Paula Díaz, Roi Méndez, Carla Capeáns e Beatriz Méndez.
Da man da compañía compostelá NNC Teatro chega unha comedia grotesta para maiores de trece anos, estreada en 2013 e galardoada recentemente cos premios ao mellor espectáculo e ao mellor actor na Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Ao longo de oitenta minutos, as irmáns Pacífica, Plácida e Perpetua introducirán ao público nunha atmosfera chea de desequilibrios, trastornos e loucuras, que irán medrando coa chegada dun cuarto personaxe, Zoila. Sobre o escenario abondarán as pelexas, convulsións, ataques de cólera ou oracións para espantar aos demos.
A IX Mostra de Teatro Afeccionado de Ames completarase coas obras Os Figurantes e Tromparia, que serán representadas os venres 14 e 28 de novembro, no Milladoiro e Bertamiráns, respectivamente. As entradas serán gratuítas.




