Pestanas principais

Ames impulsa unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas

Xoves, 23 de xaneiro de 2020

A ANPA e a Asociación de Veciños da parroquia de Covas organizan, coa colaboración do Concello de Ames, unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas. O obxectivo é dar a coñecer a existencia desta escola infantil con alumnado de 3 a 6 anos que, por primeira vez, ofrecerá no curso 2020/2021 os servizos municipais de conciliación da vida laboral e familiar como son o Bos Días Cole e o servizo de comedores escolares.

O concelleiro de Educación, David Santomil, reuniuse coa ANPA da EEI de Covas e cos representantes da Asociación de Veciños para anunciar o impulso dunha campaña informativa, que ten o seu inicio no mes de xaneiro e alongarase ata o mes de marzo,  no que as familias realizarán previsiblemente a selección do centro escolar para o vindeiro curso 2020/21.

Desta maneira, representantes da ANPA da Escola de Educación Infantil de Covas, asociacións de veciños da parroquia e o Concello de Ames distribuirán a partir desta semana uns folletos informativos nas escolas infantís de 0 a 3 anos, así como entre a veciñanza máis nova da parroquia. A intención é atraer novo alumnado en segundo ciclo de ensino infantil e garantir a continuidade desta escola situada nas proximidades do núcleo urbano de Bertamiráns.

Tratase dunha iniciativa que xa está a desenvolver con éxito neste curso na escola unitaria de Tarroeira en Ortoño, e que incrementou considerablemente o número de alumnos matriculados.

O concelleiro de Educación, David Santomil, declara que “para o Concello de Ames considérase fundamental a implantación dos programas de conciliación municipais nas escolas unitarias para facilitar a chegada de novo alumnado e garantir a súa continuidade, tendo en conta as necesidades das familias para compatibilizar a súa xornada laboral co horario lectivo”. Tamén engade que “a través dos programas Bos Días Cole e comedores escolares flexibilizarase a xornada entre as 7:30h. e as 16:30h, sempre que exista un mínimo de familias interesadas en facer uso deste servizo municipal”. Esta iniciativa foi proposta, á súa vez, no Consello Escolar Municipal celebrado o 27 de novembro de 2019.

A escola unitaria de Covas
O modelo educativo das escolas unitarias para nenas e nenos de 3 a 6 anos de idade caracterízase pola existencia dunha aula mixta de ensino ensino infantil e por unha menor porcentaxe de alumnos/as por profesor/a. Ademais do espazo e o entorno do que dispón a EEI de Covas, que conta con local social anexo e zona axardinada para o lecer das crianzas e das familias.

Todas as persoas interesadas poden contactar coa EEI de Covas nos teléfonos 981 884 850/ 676 900 568 ou a través do correo electrónico eei.covas@edu.xunta.es.

Igualmente para mais información sobre os programas municipais de conciliación poden contactar co Departamento de Educación do Concello de Ames e na web www.conciliames.org.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La unitaria de Covas busca alumnos para seguir abierta"

Compostela 24 horas: "Ames impulsa unha campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas"

Campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas

Multimedia

  • Campaña informativa sobre a escola unitaria de Covas