[12-05-2016] As Letras Galegas celébranse en Ames o venres 13, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro cunha gala. Unha velada na que, ademais de homenaxear a Manuel María, repartiranse os premios dos dous certames literarios convocados polo Concello de Ames: o XIII Certame Literario e do VIII Certame Artístico-Literario Intercentros. O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames e o coro Son Elas poranlle a banda sonora a esta gala.
As letras galegas e un dos seus mellores espalladores, Manuel María, escritor e académico da lingua galega, son os protagonistas da tarde do venres. Tarde que abre a Escola Municipal de Música cunha actuación para darlle paso á entrega de premios aos gañadores e gañadoras dos dous certames literarios municipais. Os premiados e premiadas do XIII Certame Literario Concello de Ames, entre os que se atopan catro veciños e veciñas de Ames, e os do VIII Certame Artístico-Literario Intercentros, subirán ao escenario do auditorio do Milladoiro para recoller os premios ás súas obras.
Os rapaces e as rapazas que participaron no Certame Intercentros serán ademais os primeiros en poñerlle voz a Manuel María, coa lectura de varios poemas. Non serán os únicos en homenaxear ao escritor lucense, tamén o farán os e as membros da corporación municipal. Ademais, convidan a todo veciño ou veciña que así o desexe a subirse ao escenario para sumarse a esta homenaxe ao poeta chairego protagonista das Letras Galegas de 2016.
Rematará a velada como comezou, con música, desta vez da man do coro Son Elas, unha nova formación musical do Concello de Ames.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Manuel María en todas as versións"
El Correo Gallego: "Ames homenaxea a Manuel María cunha gala na que se entregan os premios dos certames literarios municipais"




