Pestanas principais

Ames homenaxea ás cantareiras con motivo das Letras Galegas 2025

Venres, 16 de maio de 2025

O Concello de Ames súmase á conmemoración do Día das Letras Galegas 2025, que, como cada ano, se celebrará o 17 de maio, e que este ano homenaxea ás cantareiras, personificadas en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, de Mens, e Eva Castiñeira Santos, de Muxía. Dende o Concello de Ames compártese este recoñecemento público á lírica popular a través das Pandeireteiras da Costaneira e de Xela Jorge Meijide, pandeireteira, cantareira e mestra da sección de adultos das Escolas de pandeireta e baile tradicional de Bugallido.

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.

O Concello de Ames comparte este recoñecemento público á lírica popular a través das Pandeireteiras da Costaneira, que son un grupo de 10 pandeireteiras que se definen como “mulleres bravas e namoradas da música tradicional”. Este grupo xurdiu no ano 2017 dun grupo de amigas ilusionadas pola música galega, buscaron a alguén que lles ensinase a tocar a pandeireta e algún outro instrumento tradicional, así que únese a elas Sonia Albor, que desde entón exerce como directora do grupo.

A asociación de veciños de Tarrío, en Bugallido, permítelles a utilización das súas instalacións da Costaneira para ensaiar, polo que agradecidas, toman o nome de Pandeireteiras da Costaneira. Comezaron a súa andadura interpretando temas tradicionais do folclore galego e portugués, realizando, ademais, un importante traballo de recompilación de coplas das persoas maiores da contorna, que inclúen no seu repertorio. Este grupo de pandeireteiras pertence á Asociación cultural Antonio Santomil.

As Pandeireteiras da Costaneira comezaron sendo sete para pasar a ser dez mulleres na actualidade, aínda que as sete persoas iniciais non se manteñen porque houbo altas e baixas. A maioría das mulleres que comezaron no grupo no ano 2017 non tiñan coñecemento algún sobre pandeireta. Na actualidade o grupo está formado por Sonia Albor Segade, que exerce como mestra e directora; María Rey Couselo; Adela García Pombo; Ángeles Gómez Villar; Anabel Álvarez Bóveda; Amalia Cebey Olveira; Cristina Lamas Rey; Lidia Santiago Abal; Maria Carmen Ferro Nogareda; e Nieves Sandez Pereira. Dentro do grupo conviven persoas de Ames e doutros concellos como Santiago de Compostela e Teo.

No grupo conviven persoas de diferentes xeracións, e incluso nai e filla, como é o caso de María Rey Couselo (Maruja), que é nai de Cristina Lamas Rey, e que son da familia dos irmáns Lamas de Cornide (Calo), unha familia con moito arraigo na música tradicional galega da comarca. Tamén Nieves Sandez Pereira é filla dunha pandeireteira e cantareira, pertencente á familia Sandez de Lampai. O grupo caracterízase por tocar varios instrumentos nas súas cancións como son a pandeireta, pandeiro, cunchas, culleres, pratos, sacho, botella de anís, triángulo e acordeón.

Conversa coas Pandeireteiras da Costaneira
Unha das integrantes do grupo, Adela García Pombo, fálanos sobre os comezos do grupo “o único que queriamos ao principio era aprender a tocar a pandeireta e saber de música tradicional. Eramos un grupo de sete persoas coñecidas que a única intención que tiñamos era pasalo ben e facer unha actividade que nos servise de desconexión coa rutina e cos nosos traballos. Durante o primeiro ano o que fixemos foi aprender os ritmos básicos coa pandeireta. Esta idea cambiou o día que fomos tocar a unha residencia de maiores. As cancións que cantamos aquel día fixeron que moitas das persoas maiores que estaban alí recordasen ritmos, cancións e coplas que tiñan na memoria, entón a nós pareceunos moi interesante apuntar esas cancións e coplas. Foi aí cando dixemos, hai que aprender cancións que sexan nosas e recuperar cancións da tradición oral. Agora, dentro do noso repertorio temos algunhas cancións recuperadas da avoa de Cristina e a muiñeira de Alicia, chamámoslle así porque a señora Alicia de Francos foi a persoa que nola transmitiu”.

Dentro do grupo conviven varias xeracións sendo Lidia Santiago Abal a máis nova e María Rey Couselo (Maruja) a máis maior. Lidia Santiago explica que “a convivencia dentro do grupo é moi boa, porque ademais de compañeiras, moitas somos veciñas, e por iso temos moita convivencia e isto crea moi bo ambiente. Entre nós hai diferencia de idade, pero non se nota porque o trato é moi familiar e moi próximo”. Neste senso, María Rey Couselo (Maruja) di que “estiven moitos anos fóra e o meu home tiña un grupo, pero a min dábame vergoña tocar a pandeireta no medio de rapazas novas”. “Tiña moitas gañas de tocar a pandeireta e ao volver para aquí, cando me fixen vella e me retirei, comecei a tocar a pandeireta, estou moi contenta” di entre risas Maruja.

Sobre o recoñecemento que se lle fai este ano ás cantareiras todas as integrantes do grupo sinalan que é algo moi necesario e merecido. Ángeles Gómez Villar destaca que “para nós é un orgullo que se dedique este ano o día das Letras Galegas ás cantareiras porque é un recoñecemento ao noso. Gracias a esas mulleres mantívose viva a tradición da música e da lírica popular galega”.

A profesora do grupo, Sonia Albor Segade, leva tocando a pandeireta dende os 6 anos. “Galicia é un dos sitios onde máis instrumentos se tocan. Non é que se tocaran instrumentos é que se tocaba o que as persoas tiñan nas mans. Se estaban na leira tocaban o sacho, se estaban na cociña tocaban os pratos, as culleres, os garfos... As piñas tamén se tocaban, cando se ía recoller piñas ao monte”. Sobre isto, María Rey Couselo (Maruja) engade que “o meu avó poñía un papel de fumar nun peite e tocaba, coas pallas de centeo tamén se facía música, antes tocábase con calquera cousa”.

Recollida de cancións tradicionais antigas
Sobre a recollida de cancións tradicionais antigas, Sonia Albor Segade, pon en valor o traballo de recollida de cancións tradicionais antigas. “Teño pendente de facer unha recollida a unha señora que vive na Baña”. Ademais explica que dentro do repertorio do grupo hai temas recollidos por elas mesmas: “a muiñeira de Alicia transmitíunola unha señora que vive en Francos. Temos outra canción da nai de Maruja e despois o resto non foron recollidas por min, pero son de compañeiras miñas. Eu estiven moitos anos tocando en Cantigas e en Ultreia, son socia fundadora de Ultreia, e tocamos cancións de cando eu era nena, polo que xa se pode dicir que son recollidas”.

Transmisión da nosa música, cultura e idioma
Ademais, contamos coa opinión de Xela Jorge Meijide, pandeireteira, cantareira e mestra da sección de adultos das Escolas de pandeireta e baile tradicional de Bugallido, sobre a recollida de cancións tradicionais antigas e sobre a importancia das cantareiras.

Xela Jorge pon en valor “a nosa música tradicional e a nosa tradición oral porque non só a través do traballo de recollida podemos acceder, a través dos nosos informantes, a cantigas e a coplas cantadas, tamén accedemos á música e ao patrimonio inmaterial de historias, contos, e tradicións, que temos na nosa cultura galega, que se non fose por estes traballos se ían perder. Eu creo que é fundamental para que a nosa música tradicional, a nosa cultura, e sobre todo o noso idioma, pase de xeración en xeración e poidamos deixarllo e sementarllo aos máis cativos”.

Por outra banda, apuntou que “nun primeiro momento estiven nunha agrupación musical na que non se traballaba coas recollidas, pero descubrín este traballo e podo dicir que é un mundo fantástico no que coñeces moita xente. É moi reconfortante o cariño co que che tratan e o montón de lugares de Galicia que coñecín realizando as recollidas, amizades que fas con este traballo, etc”.

Ademais, pon de manifesto a importancia de que este ano as Letras Galegas estean dedicadas ás cantareiras e en xeral á música e á poesía popular oral. “Persoeiros que levan a nosa musica tradicional polo mundo adiante, como poden ser Leilía, a familia de Quique e Mercedes Peón, Xabier Díaz, As Tanxugueiras, Baiuca, Xosé Lois e Aliboria (habería moitas máis persoas que mencionar), contribúen para que a nosa música tradicional siga adiante. Ademais, por toda Galicia hai un montón de agrupacións locais que manteñen viva esta tradición. Eu como mestra da sección de adultos das Escolas de pandeireta e baile tradicional de Bugallido sempre intento traballar partindo da música tradicional de recollidas, e explicar de onde procede a canción que interpretamos, porque se ten que tocar dun xeito determinado, e o motivo polo que se cantaba esa cantiga, así como todas as particularidades que a acompañan”.

Por último, destaca as grandes vantaxes da tecnoloxía de hoxe en día no referente ás recollidas, xa que existe o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego, onde se poden atopar rexistros sonoros dun gran número de cantigas e coplas tradicionais.

Pandeireteiras da Costaneira

Multimedia

  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Ames homenaxea ás cantareiras con motivo das Letras Galegas 2025
  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Pandeireteiras da Costaneira
  • Pandeireteiras da Costaneira