Pestanas principais

Ames gaña 70.000 m2 novos de espazo público coa recepción dun novo polígono xunto ao paseo fluvial de Bertamiráns

Sábado, 01 de febreiro de 2020

Esta semana formalizouse a cesión das obras de urbanización do polígono APE PB7-06 “Rego dos Pasos Sur IV” e a súa recepción por parte do Concello de Ames. Este polígono dispón dunha superficie total de 70.434 metros cadrados, dos cales 29.109 metros cadrados teñen que ser espazos libres e zonas verdes. Ademais, este polígono conta cunha superficie total edificable de 65.655 metros cadrados, onde se pode construír vivenda colectiva de edificación aberta e vivenda unifamiliar illada ou adosada. O promotor da obra é a Xunta de Compensación de dito polígono. Coa sinatura de dita acta de recepción este ámbito urbanístico pasa a ser de uso público e o seu mantemento pasa a ser responsabilidade do Concello de Ames.

A acta de cesión e recepción foi asinada por José Miñones, alcalde de Ames, Juan José Mallón, en representación da entidade promotora do desenvolvemento, como presidente da Xunta de Compensación, Carlos Landeira, arquitecto que exerceu a dirección facultativa das obras de urbanización do polígono, e Marta Bellas, arquitecta dos servizos de urbanismo do Concello de Ames.

Tras proceder os servizos técnicos municipais do Concello de Ames ao recoñecemento do expediente do proxecto de urbanización do polígono APE PB7-06 “Rego dos Pasos Sur IV” e ao seu modificado, do certificado de fin de obra visado o pasado 5 de decembro de 2019 da documentación de fin de obra aportada, os informes da concesionaria e subministradoras e comprobación da execución das obras e da súa adecuación ao tramitado, verificouse que as obras do ámbito están rematadas e poden ser recibida polo Concello de Ames e entregada ao uso público segundo os artigos 229 ao 232 do Regulamento da lei do Solo vixente.

O alcalde e concelleiro de Urbanismo, Jose Miñones, explica que “coa sinatura desta recepción regularizamos un dos grandes proxectos urbanísticos do Concello e acadamos o seu uso público de forma plena e completa. A recepción permitirá que comecemos a atender demandas da veciñanza neste ámbito e mellorar os espazos verdes”. Ademais, destaca “o traballo que está facendo o persoal de urbanismo que está sendo moi intenso, na procura de resolver as problemáticas técnicas e xurídicas que se plantexan en cada proxecto e que levan anos de xestión. A Concellaría de Urbanismo está a regularizar os trámites que en breve aprobarán novos desenvolvementos urbanísticos para maior crecemento do concello”.

Superficie de espazos libres e zonas verdes de 29.109 metros cadrado
O polígono APE PB7-06 “Rego dos Pasos Sur IV”, con cualificación de terreo urbano non consolidado, dispón dunha superficie total de 70.434 metros cadrados. Deste total, terá que dispor de 29.109 metros cadrados de espazos libres e zonas verdes (en gran parte estaba xa acondicionada pola súa cesión anticipada hai 20 anos, pero fixéronse novas zonas de espazos verdes en torno a 13.000 metros cadrados).

Ademais, terá que haber 8.603 metros cadrados de rede viaria (continuidade e ancheamento da rúa Entrerríos, camiño de Paraxo e da rúa que está dentro do propio polígono que comeza e termina en camiño de Paraxo e que de momento non ten nome). De rede viaria actualmente hai construída 360 metros cadrados. Para equipamentos hai 3.389 metros cadrados, onde se construíu a Escola Infantil de Bertamiráns (A Galiña Azul).

Durante os últimos anos lévase traballando na procura dun arranxo das condicións técnicas que ao longo destes últimos meses tiveron un importante avance. Foron varias as visitas que o propio alcalde xunto á arquitecta municipal e o responsable de Obras, Blas García, estiveron facendo ao polígono de cara a ver as deficiencias existentes e programar os seus arranxos. O obxectivo dentro deste polígono é completar a trama urbana entre as áreas de reparto contiguas xeradas: APE B7-03; APE B7-04; APE B7-05 e APR B4-14, ademais de conseguir os terreos de cesión necesarios para a continuación do paseo fluvial no Rego dos Pasos. Deste xeito, a ordenanza terá en conta o proxecto de paseo e maila continuidade deste co viario xerado, así como o remate da estrutura viaria que xurdirá das áreas de reparto contiguas.

Superficie total edificable de 65.655 metros cadrado
Ademais, este polígono conta cunha superficie total edificable de 65.655 metros cadrados. Neste senso a ordenanza vixente establece que neste ámbito urbano poderase construír vivenda colectiva de edificación aberta e vivenda unifamiliar illada ou adosada. Posto que se trata de edificación aberta fíxase unha distancia mínima de 20 metros ao borde da canle do río. O aproveitamento que supera o tipo de 0,825 m2/m2, destinado a usos terciarios compatibles coa vivenda, ubicarase nas plantas baixas das edificacións, considerándose estas superficies suficientes.

Cómpre lembrar que na Xunta de Goberno Local do pasado 17 de outubro de 2019 aprobouse de xeito definitivo o refundido da modificación do proxecto de urbanización APE B7-06 Rego dos Pasos Sur IV e desestimáronse dúas alegacións presentadas a dito proxecto.

Relacionado con este proxecto tamén se aprobou habilitar á Xunta de Compensación do PB 4-07 Rego dos Pasos Norte do PXOM, para iniciar o procedemento de ocupación forzosa de predio de propietarios non incorporados a favor daquela, a fin de posibilitar a execución das obras de urbanización do referido ámbito, así como requirir á Xunta de Compensación do PPB 4-07 Rego dos Pasos Norte do PXOM, a presentación dun proxecto de ocupación forzosa para a tramitación do procedemento correspondente. O crecemento deste novo ámbito vese incrementado con esta recepción que se suma á aprobación.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames formaliza la recepción de un polígono junto al paseo de Bertamiráns"

Compostela 24 horas: "Ames gaña 70.000 m2 novos de espazo público coa recepción dun novo polígono xunto ao paseo fluvial de Bertamiráns"

Esta semana formalizouse a cesión das obras de urbanización do polígono APE PB7-06 “Rego dos Pasos Sur IV” e a súa recepción por parte do Concello de Ames

Multimedia

  • Mapa do polígono Rego dos Pasos Sur IV
  • Imaxe anterior do polígono Rego dos Pasos Sur IV en 2011
  • Imaxe actual do polígono Rego dos Pasos Sur IV en 2011