[26-10-2018] O Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acolleu onte pola mañá unha xuntanza de cargos municipais con responsabilidade na política lingüística, tanto técnicos como políticos, co obxectivo de impulsar a creación da Asociación de Entidades Locais pola Lingua co fin de desenvolver proxectos colaborativos no ámbito da normalización do idioma. En representación do Concello de Ames asistiron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e mais a técnica municipal, Rosa Moreiras. Posteriormente, a Corporación municipal do Concello de Ames aprobou, onte pola noite, a adhesión a dita asociación e unha proposta de estatutos.
Unha vintena de concellos de toda Galicia estiveron presentes na reunión, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización. En concreto, participaron os municipios de Ames, A Baña, A Coruña, Ferrol, Narón, Nigrán, O Grove, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Sada, Teo, Vilagarcía e Vimianzo. En representación do Concello de Ames asistiron a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, e mais a técnica municipal, Rosa Moreiras.
Trátase de concellos que xa están colaborando en proxectos conxuntos como o Apego, o certame Youtubeir@s, o Club de Debate ou o proxecto Enreguéifate, se ben se incidiu na vontade de incorporar novos entidades á asociación, sempre que desenvolvan políticas en prol da normalización lingüística e conten no seu organigrama cunha unidade dedicada a executalas, polo que se van enviar convites a todos os concellos e deputacións para que se sumen ao proxecto.
O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións locais para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua. Na reunión analizouse un borrador dos estatutos da entidade e os distintos concellos asumiron o compromiso de seguir traballando para constituír formalmente a entidade nos vindeiros meses.
Aprobación en pleno da adhesión e dos estatutos
Trala xuntanza, a Corporación municipal do Concello de Ames aprobou por unanimidade, onte pola noite, a adhesión a dita asociación e unha proposta de estatutos. O obxectivo básico da asociación é a promoción da lingua galega, materia de competencia municipal, tal e como resulta de da Lei de normalización lingüística de Galicia e da lexislación de réxime local. A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, explicou que o que agora manifesta o Pleno é a vontade de adherirse a dita asociación, que previsiblemente se constitúa no vindeiro mes de xaneiro.