Pestanas principais

Ames fixo 1.379 doazóns de sangue en 2014 e cumpre coa taxa recomendada pola OMS

Sábado, 23 de maio de 2015

[23-05-2015] Segundo os datos facilitados polo Centro de Transfusión de Galicia en Ames rexistráronse durante o ano pasado un total de 1.379 doazóns de sangue. Destas, 772 foron en Bertamiráns, 605 no Milladoiro e 2 en Biduído. A taxa en 2014 foi de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes, polo tanto, Ames cumpre co índice recomendado pola OMS, que establece de 40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano para que en hospitais e ambulatorios non haxa carencias.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, felicita á veciñanza amesá por “seguir amosando a súa boa disposición para doar sangue e por volver a superar amplamente as 1.000 doazóns por quinto ano consecutivo”. Aínda que “durante o ano 2014 baixou un 9% o número de doazóns respecto ao ano 2013”, Amor anima aos veciños a que continúen acudindo ás unidades móbiles de doazón, que todos os meses visitan as localidades de Bertamiráns e do Milladoiro “para volver achegarse ás 1.500 doazóns durante este ano”.  

Dende o ano 2003 o número de doazóns foi medrando de xeito considerable. Deste xeito, pasouse das 348 doazóns do ano 2003 ás 1.521 rexistradas en 2013, que foi o número máximo de doazóns acadadas en Ames. A evolución dos datos foi a seguinte: 448 en 2004; 509 en 2005; 520 en 2006; 442 en 2007; 893 en 2008; 897 en 2009; 1.019 en 2010; 1.261 en 2011; 1.391 en 2012; 1.521 en 2013 e 1.379 en 2014.  

Campaña de doazón durante o mes de maio
O Concello de Ames e o Centro de Transfusión de Galicia realizan todos os meses varias campañas de doazón de sangue nas localidades amesás. Neste mes de maio continúan as visitas da unidade móbil de doazón ao concello. O vehículo estará este luns no Milladoiro -na rúa Cruxa, ao carón de Supermercados El Árbol-, de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. E o mércores no mesmo horario a unidade móbil de doazón estará na avenida da Maía en Bertamiráns.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames cerró el año dentro de la ratio de donaciones de sangre"