- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, participou esta tarde no III Foro Urbano de España, que esta celebrando na cidade da Coruña os días 22 e 23 de outubro. O rexedor amesán participou nunha mesa de debate sobre as Axendas Urbanas en Galicia, xunto cos alcaldes de Baiona, Tui e a alcaldesa de Marín. Esta mesa estivo moderada por Alfonso Neira, experto en Axenda Urbana e Territorio. A Axenda Urbana 2030 do Concello de Ames é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable.
Ames estivo presente hoxe no III Foro Urbano de España, para participar na mesa de debate sobre as axendas urbanas en Galicia. Deste xeito, o alcalde de Ames, Blas García, xunto cos alcaldes de Baiona, Tui e a alcaldesa de Marín, puido expoñer o seu modelo de planificación de políticas públicas. A través da Axenda urbana e rural para o concello de Ames búscase definir un Plan estratéxico de acción local (PEAL) para Ames que permita implementar no concello o modelo da Axenda Urbana Española e que identifique e defina os principais retos e proxectos estratéxicos do concello.
A Axenda Urbana 2030 do Concello de Ames é o documento que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata 2030, para facer de Ames un concello de convivencia amable, acolledor e máis saudable. Esta folla de ruta naceu como resultado dun proceso participativo no que se implicou ao persoal técnico do Concello e Ames e ao tecido asociativo do municipio co obxectivo de pulsar a súa opinión e de que achegasen propostas e suxestións de cara á redacción do documento definitivo da diagnose.
O alcalde, Blas García, incidiu na importancia de facer pedagoxía dende as administracións e facer entender a importancia que teñen as axendas urbanas. “Son documentos do presente que serven para planificar o futuro. Deben ser elaboradas pola veciñanza, polo tecido asociativo, polos grupos políticos e polos técnicos municipais, a partir de procesos participativos. Debemos entendelas como documentos vivos que poden e deben cambiar coa realidade e que nunca deben ser entendidos como documentos dun goberno ou dun alcalde. Temos esa responsabilidade as administracións públicas, facer pedagoxía para garantir que a nosa veciñanza entenda o propósito da Axenda Urbana e manter fóra da disputa política a folla de ruta que vai marcar o desenvolvemento dos nosos Concellos”.
As Axendas Urbanas en Galicia
Lonxe de ser un documento teórico, a Axenda Urbana Española está a atopar unha aplicación práctica e significativa no ámbito municipal e supramunicipal, impulsando unha verdadeira transformación na forma en que se planifican e xestionan as nosas cidades e pobos. Desde a aprobación da Axenda Urbana Española, son moitas as Entidades Locais que recoñeceron o seu valor como unha guía estratéxica fundamental e iniciaron o proceso de integrar os seus principios na planificación e xestión dos seus territorios.
O eixo central desta implementación reside nos Plans de Acción Local da Axenda Urbana Española. Estes plans son o resultado dun proceso meticuloso de diagnóstico, participación e planificación estratéxica, onde cada entidade local articula os seus propios obxectivos, metas e indicadores, todos eles aliñados cos dez Obxectivos Estratéxicos da Axenda Urbana Española. Trátase, en esencia, de traducir unha visión global en accións concretas e medibles a nivel local.
Este é o caso dos municipios galegos que, desde o primeiro momento, acolleron a metodoloxía que propón a Axenda como unha ferramenta de traballo, de mellora da gobernanza e, tamén, como marco de financiamento. Nesta mesa, algúns dos municipios galegos, compartiron a súa formulación en relación coa planificación estratéxica urbana, as súas propostas e as súas inquietudes.
Axenda Urbana de Ames
O alcalde de Ames, Blas García, falou dos obxectivos estratéxicos e transversais da Axenda Urbana de Ames. Algúns destes obxectivos son a construción dunha estratexia alimentaria integral de proximidade, a conexión dos núcleos urbanos entre si e coas parroquias de rural a través da implantación dun transporte público, e achegar a administración e a oferta de servizos ao rural para favorecer a centralidade dos núcleos rurais, entre outros.
O rexedor municipal dixo que “a Axenda Urbana ten que ser un documento vivo, que temos que achegar á cidadanía para que entenda o seu contido, o que se pretende facer nos vindeiros anos no concello. É un documento estratéxico que vai máis alá deste mandato, por iso debe ser consensuado por toda a Corporación municipal e pola veciñanza e transcender a un único goberno. É a folla de ruta do Concello, por iso para a súa elaboración contou coa participación de todos os sectores da veciñanza de Ames, canalizados a través de reunións sectoriais, reunións interdepartamentais co persoal municipal e achegas dos grupos políticos municipais. As administracións teñen que adaptarse ás necesidades da cidadanía por eso a axenda urbana non ten período de vixencia”.
Para elo, o Concello de Ames foi seleccionado dentro da convocatoria para a asignación de senda financeira do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional aos plans EDIL, no marco do desenvolvemento urbano sostible, con cargo ao FEDER para o período 2021-2027. Deste xeito, a Ames correspóndenlle 6.547.727 euros, que representan o 60% sobre o importe total do Plan Conecta Ames. O 40% restante que ascende a 4.365.151 euros terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico ou provincial. O investimento total que se vai executar será de 10.912.878 euros. O plan de Ames contempla a execución de catro grandes proxectos, que se enmarcan nunha estratexia xeral, e están recollidos na Axenda Urbana 2030.
Novas relacionadas:
Diario de Santiago: "Ames expón o seu modelo de planificación de políticas públicas no III Foro Urbano de España"














