Pestanas principais

Ames explora a alternativa de Sogama

Mércores, 04 de novembro de 2015

[04-11-2015] O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, reuníronse esta mañá co presidente de Sogama, Javier Domínguez, para estudar alternativas na prestación do servizo de xestión do lixo. Dende o goberno municipal indican que o Concello de Ames ten contrato en vigor con Sogama xa que asinou o pasado 22 de maio de 2002 un contrato con esta entidade por un período de 15 anos. Debido a iso, Ames podería solicitar a prestación do servizo que realiza Sogama cando estime oportuno. Dende o executivo amesán mostran o seu malestar coa Mancomunidade Serra do Barbanza xa que non lles pasaron a información solicitada a comezos do mes de agosto.

O alcalde de Ames, José Miñones, destaca “a cordialidade que houbo na reunión mantida co presidente de Sogama e as facilidades que nos deron para unha posible solicitude para a prestación do servizo que realiza esta entidade. O Concello de Ames ten contrato en vigor con Sogama ata o 22 de maio de 2017, polo que poderíamos adherirnos ao servizo que prestan en calquera momento. Para iso tan só teríamos que avisar cunhas semanas de antelación á plataforma de transferencia de Santiago”.

Segundo se extrae desta reunión, o prezo que tería que pagar Ames por cada tonelada de lixo tratada en Sogama sería de 67,18 euros, máis IVE. Tal e como lles asegurou o presidente de Sogama este prezo manterase durante o exercicio 2016, excepto no que se refire á actualización do IPC. Ademais, Javier Domínguez explicoulles aos membros do goberno municipal que se van ampliar nun 30% as instalacións de Sogama co obxectivo de incrementar a planta de reciclado.

A idea que ten o goberno local é estudar todas as posibilidades existentes para prestar o servizo de xestión do lixo. Segundo indica o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, “o Concello de Ames optará pola fórmula de xestión do lixo que sexa máis vantaxosa economicamente para a veciñanza amesá. Non lle queremos subir o recibo do lixo aos veciños, pero para iso temos que comparar as diferentes alternativas que temos. Agora mesmo sabemos o que nos custa este servizo a través de Sogama, pero non dispoñemos da información solicitada á Mancomunidade”.

No suposto caso de que finalmente o Concello de Ames optase por Sogama, habería que sacar a licitación o servizo de recollida de lixo orgánico, que sería procesado en Sogama. Tamén se podería licitar o servizo de recollida e xestión do papel, cartón e vidro. Ao sacar a licitación estes servizos o goberno considera que se podería conseguir un importante aforro económico respecto ao que se está gastando actualmente.

Malestar coa Mancomunidade Serra do Barbanza
Por outra banda, dende o executivo amesán mostraron o seu malestar coa Mancomunidade Serra do Barbanza xa que non lles pasaron os datos económicos que lles solicitaron a comezos do mes de agosto. Naquel momento mantiveron unha xuntanza coa presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, María Teresa Villaverde, para falar da finalización do contrato con esta entidade, que expira o próximo 31 de decembro, e para solicitarlle os datos económicos necesarios para tomar a decisión de seguir na Mancomunidade ou buscar unha alternativa.

Posteriormente, no mes de outubro o goberno municipal remitiulle un escrito á Mancomunidade no que lle solicitaba que lle enviara a documentación que lle requiriu no seu día, a través do departamento de Intervención, para o coñecemento de aspectos de todo tipo, tanto xurídicos como económicos, que derivarían dunha hipotética incorporación á Mancomunidade como membro de pleno dereito ou a posibilidade de abandonar esta entidade.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, incide en que “non podemos facer unha comparación do custe que tería para o Concello o servizo que presta Sogama porque non sabemos o número de toneladas de lixo que produce Ames. Estes datos solicitámosllos hai varios meses á Mancomunidade pero non tivemos resposta. Parécenos unha falta de respecto o que está facendo a Mancomunidade con Ames xa que somo o Concello que máis achega a esta entidade e representa o 35% da devandita mancomunidade”.

O alcalde de Ames incide en que “tamén se lle solicitou á Mancomunidade que o goberno amesán poida participar nas xuntanzas da Xunta Reitora da Mancomunidade para ser coñecedores dos debates e das decisións que alí se tomen. Hai que lembrar que o Concello de Ames é o que máis residuos aporta á Mancomunidade, polo que solicita que se lle invite en calidade de oínte, pero sen voto, para coñecer o situación na se atopa o litixio coa empresa Fomento de Construcciones y Contratas (FCC). Non entendemos moi ben os movementos da Mancomunidade, xa que está deixando de lado ao Concello con maior presenza na mesma”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames tantea a Sogama porque Barbanza pasa"
La Voz de Galicia: "Ames abre contactos con Sogama para la recogida de la basura hasta el 2017"
La Voz de Galicia: "El ejecutivo de Ames acusa a Serra do Barbanza de dejar de lado al Ayuntamiento"