Pestanas principais

Ames estuda a viabilidade dunha senda peonil no acceso á aldea de Lens

Mércores, 10 de decembro de 2014

[10-12-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín, visitaron esta mañá a parroquia de Lens, acompañados por unha técnico municipal e dúas técnicos da Deputación da Coruña. O motivo da visita era estudar a viabilidade dun proxecto centrado na construción dunha senda peonil na estrada provincial DP 0201, que discorre entre Tapia e A Ponte Maceira pasado por Lens.

Os traballos realizaríanse nunha das marxes da estrada que é de titularidade provincial. Previamente, o Concello de Ames solicitoulle á Deputación da Coruña o permiso para actuar neste tramo, que carece de beirarrúas e dificulta o tránsito de peóns nesa zona.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, sinalou que as obras facilitarían “o acceso dos veciños aos terreos que están situados nas dúas marxes da estrada provincial. Asemade, permitiría mellorar a seguridade peonil neste tramo da estrada provincial DP-0201”.

A senda peonil, que sería executada pola empresa que está realizando as obras da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) Ames-Brión, tería unha lonxitude aproximada de 2 quilómetros e uniría os lugares da Ponte Maceira e Miso. O Concello de Ames enviaralle toda a documentación deste proxecto á Deputación co obxecto de obter o permiso para poder executar esta obra.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Concello amiense analiza la viabilidad de una senda peatonal en el acceso a Lens"