Pestanas principais

Ames estrea programación cultural mañá venres cunha obra de teatro para o público infantil

Xoves, 22 de xaneiro de 2015

[22-01-2015] A nova programación cultural do Concello de Ames arranca mañá venres cunha obra de teatro para o público infantil. Trátase do espectáculo Babs, que chega da man da agrupación teatral Baobab. Representarase ás 18:30 horas na Casa da Cultura do Milladoiro. As entradas teñen un prezo de 4 euros para os maiores de 12 anos e os menores desa idade terán un desconto do 50%, así como os que posúan carné de estudante e os maiores de 65 anos. Poden reservarse ata mañá venres ás 14:00 horas, a través do correo electrónico cultura.milladoiro@concellodeames.org ou no teléfono 981 53 59 40.

Xurxo Cortázar e Andrea Bayer protagonizan este espectáculo duns corenta minutos, recomendado para nenos e nenas de entre 1 e 6 anos de idade, e que eles mesmos definen como “unha obra tenra e acolledora para gozar en familia”. A historia acontece en Babs, un planeta moi pequeno que só ten tres habitantes: Mamá, Papá e Babo. Babo é un ser moi pequeno que quere descubrir o mundo, pero Papá e Mamá teñen medo e protéxeno. Non queren que lle pase nada malo a Babo e sempre lle din “non”, pero Babo necesita investigar, descubrir e explorar o mundo…  

Baobab Teatro é unha compañía creada en 2010 por Andrea Bayer e Óscar Ferreira. Ambos teñen unha amplísima experiencia no eido do teatro infantil, logo de ter pasado por diferentes agrupacións teatrais galegas. Babs é o seu segundo traballo, un espectáculo para os máis pequenos que foi seleccionado en 2013 para participar na Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas de Xixón.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Función de Baobab Teatro en Ames"