- Tematica
A cultura de Ames está de celebración tras coñecerse que 7 artistas e 3 espectáculos con relación directa co Concello de Ames están nomeados na 30ª edición dos Premios de Teatro María Casares, os galardóns entregados anualmente pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia que destacan os mellores espectáculos, actores e actrices e profesionais técnicos da tempada teatral anterior. A gala celebrarase no teatro Rosalía de Castro da Coruña, o vindeiro mércores 8 de abril.
Un total de 7 artistas amesáns, divididos en actores, actrices, músicos e persoal de dirección e escenografía poderán alzarse, o vindeiro 8 de abril, no teatro Rosalía de Castro da Coruña, con algún dos 16 prestixioso galardóns que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia entrega cada ano na gala dos Premios de Teatro María Casares, que este ano cumpre 30 edicións.
A lista de nomeados amesáns comeza con Alonso Caxade. O músico poderá alzarse co premio ao mellor espazo sonoro grazas ao seu traballo na obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro. O Concello de Ames colaborou coa obra durante a súa xira de presentación, xunto con outros concellos galegos. A compañía conta cun total de 11 nomeamentos nesta gala.
Pablo Reboleiro, nas categorías de Espectáculo, Dirección e Texto orixinal, e Marta Alonso Tejada, na categoría Dirección de movemento, son outros dos representantes de Ames, logo do seu traballo en A serie clopen, do Centro Dramático Galego. Mais eles non serán os únicos en estar nomeados, pois Rafa R. Martínez, en Espectáculo, Dirección e Espazo escénico, e Miguel Gendre e Laura Pouso, tamén en Espazo escénico, terán opcións de levar algún galardón en cadansúas categorías pola obra TROMSØ, de Morraoconto.
O último artista amesán nomeado é Josito Porto, que optará ao premio ao mellor actor secundario polo seu papel en Mofa&Befa: Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas. Porto será o único finalista por este traballo.
Traballos con vinculación a Ames
Amais dos artistas mencionados, o Concello de Ames tamén terá representación mediante actrices e obras indirectamente vencelladas ao municipio. A través de Talía Teatro, compañía que dirixe e imparte a formación da Escola de Teatro de Ames, está a amesá María Ordoñez, non como nomeada, pero si como parte do elenco da obra Un deus salvaxe.
Un caso similar é o de Luz García, que sen estar nomeada, forma parte do elenco da obra A serie Clopen, do Centro Dramático Galego. Tamén están nomeadas Berenguela na gaiola, de Galeatro e Xarope Tulú, e O libro da selva, o musical, de Ártika Cía. Ambas representacións forman parte da programación infantil de Ames neste 1º semestre de 2026.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Sete artistas e tres espectáculos vinculados con Ames optan aos Premios de Teatro María Casares"
AmsGo!: "Ames estará moi presente nos Premios María Casares de Teatro en abril"






