Pestanas principais

Ames está dende este domingo, 9 de maio, en nivel medio de restricións pola Covid-19

Luns, 10 de maio de 2021

A Xunta de Galicia publicou no DOG este venres, 7 de maio, a actualización das medidas para facer fronte á Covid-19, que entraron en vigor ás 00.00 horas deste domingo 9 de maio de 2021. O concello de Ames atópase en nivel medio de restricións por Covid-19. Isto implica que os aforamentos redúcense na hostalería ata o 30% no interior dos locais e ao 50% da capacidade nas terrazas. É moi importante seguir cumprindo as medidas de restrición para non dar pasos atrás. Preme nesta ligazón para consultar a actualización das medidas que entran en vigor.

A Xunta de Galicia, en virtude das súas competencias publicou o pasado venres, 7 de maio de 2021, a Orde do 7 de maio de 2021 pola que se establecen medidas específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta a finalización da prórroga do estado de alarma establecida polo Real decreto 956/2020 do 3 de novembro.

Tamén publicou ese mesmo día o decreto 77/2021 do 7 de maio, polo que se declara a perda de efectos dende o 9 de maio de 2021 das medidas adoptadas pola Presidencia da Xunta de Galicia, na condición de autoridade competente delegada no marco do disposto polo Real decreto 926/2020, do 25 de outubro, polo que se declara o estado de alarma para conter a propagación de infeccións causadas polo SARS-CoV-2 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Deste xeito, dende este pasado domingo, 9 de maio, o concello de Ames atópase en nivel medio de restricións. Isto implica:

-Permítese a mobilidade por toda Galicia, excepto aos concellos con nivel de restrición máxima (Cambados, Cualedro, Laza, Padrón e Vilanova de Arousa).
-A restrición de mobilidade nocturna deixou de estar vixente, xa que finalizou o toque de queda.
-En vehículos particulares permítense viaxes de ata 4 persoas sexan ou non conviventes.
-Permítense as xuntanzas de ata 4 persoas en espazos pechados e 6 persoas ao aire libre.  
-Dende a 01:00 ata as 06:00 horas só se permiten reunións de persoas conviventes.
-As instalacións deportivas están abertas. Permítense grupos de ata 4 persoas non conviventes na práctica deportiva interior e de 6 ao aire libre.

Hostalaría aberta
O nivel medio de restricións implica novas medidas para a hostalaría como son a redución de aforamentos ata o 30% no interior dos locais e ao 50% da capacidade nas terrazas. As barras seguen pechadas. En interior permítense grupos de ata 4 persoas e en terrazas grupos de 6 persoas como máximo. A recollida no local e entrega a domicilio está permitida ata a 1.00 horas da madrugada. O horario de peche para a hostalaría queda establecido ás 23.00 horas, excepto para os restaurante que poderán pechar a 1.00 horas.

Unha vez máis incídese en que é preciso que cada un/unha de nós actuemos con responsabilidade. Sigamos cumprindo de xeito estrito todas as medidas de prevención da Covid-19. Lémbrase que o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade interpersoal é obrigatoria. Para máis información ou resolver dúbidas pódese chamar ao número de teléfono 673 73 90 11 ou enviando un correo electrónico ao enderezo gabinete@concellodeames.gal.

Cartel coas medidas de restrición actualizadas que entran en vigor o 9 de maio de 2021

Multimedia

  • Cartel coas medidas para a hostalaría actualizadas (9 de maio de 2021)