Pestanas principais

Ames entrega os premios aos seus mellores deportistas

Sábado, 01 de decembro de 2012

[01-12-2012] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta noite a VII Gala do Deporte do Concello de Ames. A Concellaría de Deportes organizou un ano máis este acto, no que se premiou aos mellores deportistas e clubs deportivos que destacaron ao longo deste ano. Os xornalistas Diego Viaño e Terio Carrera exerceron de mestres de cerimonia e foron os encargados de presentar e conducir esta gala. A Gala estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, que estivo acompañado do concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro, e doutros concelleiros e concelleiras da corporación municipal. Ademais, o acto contou coa presenza do triatleta Javier Gómez Noya, que se encargou de entregar un dos premios.

Este ano a mellor promesa masculina foi Pedro Ecénarro del Rio, tenista do Club SD Aldea Nova. Este deportista de tan só 17 anos conta con varios campionatos a nivel galego. Por outra banda, a mellor promesa feminina foi Nuria Rábano Blanco, xogadora do equipo infantil do Milladoiro SD que milita en primeira autonómica. Esta rapaza de 13 anos leva xogando ao fútbol dende os 6 anos nos distintos equipos do Milladoiro SD.

Este ano o premio de mellor club foi para o Club de atletismo MillaRaio, mentres que o premio de recoñecemento especial recaeu en Francisco Miguel Buela Cruces, presidente do Club de atletismo MillaRaio, polo seu traballo en prol do deporte e en especial do atletismo dentro do Concello de Ames. Por último, o premio especial foi para o Café Bar Don Budi, pola colaboración que mantén con varias entidades deportivas do Concello.

Galardoados

O fútbol sala, o triatlón, o atletismo, o tenis e o fútbol foron os deportes protagonistas na gala. Este ano o premio ao mellor deportista masculino recaeu en David Pazos, xogador profesional do Santiago Futsal, mentres que galardón á mellor deportista feminina foi para Laura Mosquera, que pertence ao Club triatlón Arcade Inforhouse e que en 2012 gañou a XIII carreira pedestre popular Concello de Ames e a XII Milla Urbana do Concello de Ames.

O premio de mellor deportista pertencente a un club de Ames recaeu no atleta Jorge Crespo Arias, que pertence ao Club Atletismo Sar Apoutada e que é o actual campión galego de maratón e tamén gañou este ano a XIII carreira pedestre popular Concello de Ames.

Antes de pechar o acto, o alcalde de Ames e o concelleiro de Deportes felicitaron aos premiados e fixeron fincapé na importancia de impulsar o deporte de base. O primeiro en tomar a palabra foi o concelleiro Manuel Ferreiro, quen subliñou que “dende o Concello de Ames estamos plenamente convencidos de que hai que apostar polo deporte de base, porque no futuro serán os rapaces e rapazas da canteira os que leven o nome do Concello polo noso país e por fóra das nosas fronteiras”. Por esta razón, asegurou, “dende a Concellaría temos asinados varios convenios con clubs e asociacións deportivas co obxectivo de fomentar a práctica deportiva entre os mais pequenos”.

Para finalizar o acto, o rexedor amiense, Santiago Amor, considerou “fundamental prestar apoio ao deporte municipal e amosar o compromiso do Concello cos nosos deportistas”. O alcalde explicou que “coa celebración desta Gala de Deporte, o Concello quere premiar o esforzo e superación persoal no deporte amiense. O que pretendemos é darlle un impulso ao deporte de base, ás promesas do noso concello, pero tamén valorar o traballo de deportistas xa consolidados que levan o nome do noso municipio alí onde compiten”, engadiu.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Reconocimiento a los deportistas de Ames"