Pestanas principais

Ames en situación de pre-alerta de seca polo baixo caudal do río Tambre

Mércores, 24 de agosto de 2022

A demarcación hidrográfica Galicia-Costa vén de decretar a situación de pre-alerta no concello de Ames. Froito desta declaración o Concello de Ames participou xunto a outros 20 municipios nunha xuntanza con Augas de Galicia, co fin de adoptar medidas e recomendacións de cara ás vindeiras semanas. Na mesma liña, o vindeiro luns 29 de agosto, o alcalde de Ames, Blas García; os técnicos do Ciclo Integral da Auga e os responsables da empresa concesionaria do servizo van manter unha reunión co alcalde de Brión, Pablo Lago, e cos técnicos do Concello de Brión para estudar a necesidade de por en marcha novas medidas de xeito conxunto entre ambos concellos.

De acordo co establecido no Plan Especial da Seca da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, visto o informe intermedio en relación á seca realizado con data de 19 de agosto, e que as predicións metereolóxicas non prevén chuvias significativas nas próximas semanas, e dada a especial tendencia á baixa dos caudais circulantes rexistrados na estación de aforos nº520 situada no río Tambre, resolveuse activar o escenario de pre-alerta, entre outras, na unidade territorial de escaseza nº 6 correspondente ao río Tambre e Ría de Muros e Noia na que se atopa o Concello de Ames.

Froito desta declaración de pre-alerta o Concello de Ames participou xunto aos concellos de A Baña, Brión, Cerceda, Frades, Lousame, Mesía, Muros, Negreira, Noia, Ordes, Oroso, Outes, O Pino, Porto do Son, Rois, Santiago, Tordoia, Trazo, Val do Dubra, e Vilaxantar, nunha xuntanza con Augas de Galicia, co fin de analizar a situación nos concellos afectados e facer unha posta en común  das medias medidas adoptadas e recomendacións de cara ás vindeiras semanas.

Á reunión asistiu Víctor Fernández, concelleiro de Administración Xeral; Esteban de la Fuente, técnico do Ciclo Integral da Auga e Jacobo Moreno, xefe de servizo de Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo municipal da auga.

Nesta reunión analizáronse os datos do caudal do río Tambre. Segundo a información facilitada por Augas de Galicia, ponse de manifesto unha importante redución das achegas hídricas na estación de aforos nº 520 situada no río Tambre. Así o caudal medio diario na estación pasou dos 8 metros cúbicos diarios por segundo rexistrados o 1 de xullo, aos 2 metros cúbicos diarios por segundo, a data de 22 de agosto.

Para paliar esta situación o Concello de Ames seguirá coas medidas adoptadas a comezos de xuño para concienciar á poboación dun consumo responsable da auga.

Vídeo apelando ao consumo responsable
Precisamente, este luns o Concello de Ames facía un novo chamamento á moderación e á responsabilidade no consumo de auga, co lanzamento dun vídeo que recolle e explica a preocupante situación actual do concello neste senso. Na peza audiovisual, o alcalde de Ames, Blas García, pide a colaboración da veciñanza para paliar a escaseza que sofre Ames na captación de auga.

Medidas adoptadas polo Concello e campaña “Augaconsellos”
A publicación deste vídeo dá continuidade ás medidas adoptadas polo Concello de Ames dende comezos de xuño co fin de reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza. Ademais, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable da auga de xeito sinxelo nun período estival especialmente caloroso e seco.

A través desta campaña, inclúense varias medidas que pode tomar a veciñanza de xeito sinxelo para reducir o consumo de auga, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.

Reunión co Concello de Brión
O vindeiro luns, 29 de agosto, o alcalde de Ames, Blas García, o alcalde Brión Pablo Lago, responsables da empresa concesionaria do servizo e mailos técnicos do Ciclo Integral da Auga, van manter unha reunión co alcalde e técnicos do Concello de Brión para estudar a necesidade de por en marcha novas medidas  xeito conxunto entre ambos concellos.

Segundo o concelleiro de Administración Xeral, Víctor Fernández, “Estamos ante unha situación complicada e preocupante pola persistencia da seca que levamos ao longo destes meses de verán. Dende o Concello seguimos apelando a un consumo responsable por parte da veciñanza para garantir a subministración”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Señalan al embalse de Vilagudín para abastecer si el Tambre sigue a la baja"

AMSGO!: "Pre – Alerta de seca polo baixo caudal do Tambre"

Ames en situación de pre-alerta de seca polo baixo caudal do río Tambre

Multimedia

  • Ames en situación de pre-alerta de seca polo baixo caudal do río Tambre
  • Ames en situación de pre-alerta de seca polo baixo caudal do río Tambre
  • Embedded thumbnail for