Pestanas principais

Ames e Santiago informan en Raxoi aos veciños sobre o trazado alternativo á liña de alta tensión que ADIF prevé na aldea de Coira

Mércores, 08 de outubro de 2014

[08-10-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Urbanismo de Santiago, Teresa Gutiérrez, reuníronse este mércores no Pazo de Raxoi cun grupo de veciños de Coira para informarlles sobre o trazado alternativo da liña subterránea de alta tensión que propón ADIF. Santiago Amor explicou que o novo itinerario “é totalmente viable, non afecta a ningunha propiedade privada e discorrerá maiormente polo termo municipal compostelán”. Ademais, destacou “a sensibilidade” do organismo público por propoñer un novo deseño, a petición dos veciños afectados, ao distanciar do núcleo da aldea de Coira o traxecto.

A delegación dos afectados presentes en Raxoi agradeceron “o cambio de rumbo adoptado” por parte das Administracións e cualificaron o anterior trazado de “inxusto e inviable por atravesar toda a aldea”. Con todo, demandan que ADIF presente un plano de detalle nun determinado punto que prexudica a un veciño no lugar de O Casal, cuxa vivenda “xa está próxima a unha estrutura de alto voltaxe”, segundo precisan.

Amor e Gutiérrez comprometéronse a trasladarlle a ADIF esta nova demanda veciñal, ao tempo que manifestaron a urxencia por comezar estas obras aprobadas xa en 2010.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Santiago presentan una alternativa a la línea de alta tensión de Coira"