Pestanas principais

Ames e Santiago de Compostela retoman o proxecto de senda peonil e ciclable entre ambos concellos

Martes, 01 de decembro de 2020

O alcalde de Ames, Jose Miñones, e mailo rexedor de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, mantiveron esta mañá un encontro no que abordaron as cuestións que afectan a ambos municipios; entre elas, o proxecto de senda entre Santiago e O Milladoiro, a EDAR ou a situación da pandemia.

Ambos rexedores amosaron a súa intención de desbloquear o proxecto que permitirá conectar de xeito peonil, inicialmente, e a través dunha senda ciclable, con posterioridade, os núcleos de Santiago e O Milladoiro. "Estudaremos a fórmula máis viable para facer a conexión", indicou José Miñones, co obxectivo de que "xa poida haber un tránsito peonil en 2021".

“O obxectivo é ir vendo as alternativas que temos de conectividade entre Santiago e O Milladoiro. Teremos que dotarnos dunha partida orzamentaria para poder executar dito proxecto, e estudar a alternativa, das que se puxeran enriba da mesa, que é máis viable agora mesmo para levar a cabo”, explicou Miñones.

Noutra orde de cousas, o alcalde de Santiago informou a Jose Miñones da situación da EDAR da Silvouta, infraestrutura que tamén afecta ao concello de Ames. Neste senso, Miñones incidiu en que “queremos coñecer a situación actual da EDAR da Silvouta, xa que lle afecta directamente á veciñanza de Bertamiráns e ao río Sar ao seu paso por Ames. Queríamos coñecer os trámites que estiveron facendo e as previsións que hai”.

Miñones e Sánchez Bugallo tamén falaron da posible flexibilización das medidas restritivas que afectan aos dous concellos e amosáronse esperanzados de que "poidan mudar esta venres", segundo apuntou o rexedor compostelán.

Sobre este asunto o alcalde de Ames incidiu en que “a preocupación témola todos no día a día. Baixamos dos 122 casos, o pico máis alto en Ames, a 24 casos que hai actualmente. A situación mellorou moito pero, igual que mellorou, pode volver a empeorar nunha semana ou en dúas. Se algo nos esta ensinando o virus é que rápido cambia a situación e, polo tanto, hai que seguir coas medidas e ese distanciamento social. Nós esperamos que se resolva este venres, se se abre ou non a hostalaría, e a partir de aí vamos a seguir trasladando a mesma mensaxe; que á xente manteñan o distanciamento social e respecte as medidas de seguridade e mailas restricións existentes”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Santiago y Ames retoman el plan de la senda peatonal a O Milladoiro"

El Correo Gallego: "Senda entre Santiago y O Milladoiro para 2021 a la espera de desbroces"

Lindeiros: "Compostela e Milladoiro terán unha senda peonil que os una no 2021"

Revista AmesGo: "Ames e Santiago reafirman o seu compromiso por unha senda peonil e de bicicleta da cidade ao Milladoiro"

Imaxe de Jose Miñones e Xosé Sánchez Bugallo