Pestanas principais

Ames é o concello de máis de 30.000 habitantes con maior descenso de infraccións penais no ano 2019

Venres, 21 de febreiro de 2020

A subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, e mailo alcalde de Ames, José Miñones, presidiron a Xunta Local de Seguridade, unha reunión na que se analizou a seguridade cidadá no municipio, o máis seguro de Galicia e segundo de España, segundo amosan os datos recollidos no balance anual de criminalidade 2019 do Ministerio do Interior. O Concello de Ames pasou de 945 infraccións penais no 2018 ás 744 no 2019, o que representa unha baixada do 21,3%, a maior de toda España. En dita xuntanza tamén estiveron representantes da Guarda Civil e do Corpo Nacional de Policía adscrita á Xunta de Galicia, así como varios representantes municipais.

O Concello de Ames segue a confirmar os bos datos en materia de seguridade cidadá e confírmase como o concello máis seguro de Galicia segundo amosan os datos recollidos no balance anual de criminalidade 2019 do Ministerio do Interior, ao pasar de 945 infraccións penais no 2018 ás 744 no 2019, o que representa unha baixada do 21,3%. Estes datos estadísticos son realizados a aqueles concellos de máis de 30.000 habitantes e Ames pasou do posto 17º ao 2º por detrás do Concello de Arcos da Frontera, con 675 infraccións, e por diante de Teruel que incrementou ata as 762.

Estes datos ratifican a importante tendencia á baixa que xa se viñan recollendo nos tres primeiros trimestres do ano 2019, en relación aos anos anteriores por parte do Ministerio do Interior, situando a Ames como o concello máis seguro de toda Galicia de máis de 30.000 habitantes. Hai que destacar tamén o incremento de detidos por cometer algún tipo de delito, o que dá conta do bo facer dos corpos de seguridade no municipio amesán.

Os datos trasladados na Xunta Local de Seguridade amosan que en 2019 producíronse 45 roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións, sendo 40 os roubos en domicilios, o cal mantense practicamente na mesma cifra que o ano pasado (41). Para o Concello esta foi unha das principais preocupacións e nas que se estiveron centrando os efectivos dos corpos de seguridade. O balance segue sendo inferior ás cifras de anos anteriores onde se chegaron a ter máis de 60 infraccións deste tipo, o que confirma a boa senda das medidas postas en marcha entre Policía Local e a Garda Civil.

Datos estatísticos de infraccións penais
No tocante ao resto de datos estes foron: 103 furtos; 2 subtraccións de vehículos; 5 casos de tráfico de drogas; e 571 casos doutras infraccións penais. Contabilizando un total de 744 infraccións penais, 201 menos que e 2018 (un 21,3% menos). Na comparativa co ano pasado, houbo unha baixada dun 10% nos roubos con forza en domicilios, establecementos e outras instalacións; houbo un 2,4% menos de roubos con forza en domicilios; un 13,4% menos de furtos; e reduciuse nun 25,2% o resto de infraccións penais. Tendo en conta que as cifras de 2018 xa foran á baixa con respecto aos anos anteriores, o descenso deste ano é aínda mais importante. O único índice que subiu foi o de subtraccións de vehículos, xa que en 2018 houbo 1 caso e en 2019 foron 2 casos.

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destaca “a gran labor desenvolvida en materia de seguridade cidadá polos corpos da Policía Local e da Garda Civil, así como a estreita colaboración que manteñen entre ambos. A pesar dos bos datos obtidos en materia de seguridade cidadá, dende o goberno municipal imos a manter a garda e a vixilancia en todo o concello a pesares de saber que non existe o índice de delitos 0. É unha boa nova ver que Ames é un concello seguro no que vivir”.

A subdelegada do Goberno, Pilar López-Rioboo, trasladoulle aos representantes das forzas e corpos de seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido nestes meses, incidindo na importancia de manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas para así poder consolidar este aumento da seguridade.

85 accidentes de tráfico en 2019 sen vítimas mortais
No referente ao balance da Garda Civil de tráfico, os datos trasladados tamén foron moi positivos, xa que dos 85 accidentes de tráfico rexistrados no 2019, non houbo ningunha vítima entre elas. O goberno trasladou a preocupación do Concello no referente á estrada AC544, que é a vía con maior índice de sinistralidade. Informouse da aprobación en sesión plenaria dunha moción instando á administración titular da estrada, á Xunta de Galicia, a fixar sistemas de control da velocidade que permitan reducir o número de accidentes e de feridos e mortos que se chegaron a producir na mesma.

Á reunión da Xunta Local de Seguridade de Ames tamén asistiron a vicesecretaria xeral da Delegación do Goberno en Galicia, Eva Vázquez; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Jambrina, acompañado polo xefe do Cuartel de Ames e responsables da Policía Local e da Policía Nacional Adscrita, e por parte do Concello, o Concelleiro de Seguridade, Víctor Fernández e a Concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez.

 

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "El municipio amiense, el más seguro de Galicia y el segundo de España"

Imaxe da Xunta Local de Seguridade celebrada esta semana en Ames

Multimedia

  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade celebrada esta semana en Ames
  • Imaxe da Xunta Local de Seguridade celebrada esta semana en Ames