[13-02-2016] Os alcaldes de Ames, José Miñones, e de Negreira, Jorge Tuñas, reuníronse esta semana cos responsables autonómicos de Unión Fenosa Gas Natural SDG, compañía que explota os recursos hidroeléctricos do embalse Barrié de la Maza, situado no río Tambre que pasa por ambos concellos. Ambos rexedores participaron nunha xuntanza de case dúas horas de duración cos responsables da devandita empresa eléctrica na que se abordaron posibles medidas para coordinar a apertura deste embalse ante as crecidas do río Tambre. Na reunión mantida trasladóuselle a ambos rexedores información detallada sobre a forma de funcionamento do devandito embalse. Ademais, solicitaráselle a Augas de Galicia que ambos concellos sexan incluídos no sistema de notificacións que ten establecido de cara a poder dar información máis detallada aos veciños e veciñas de ambos municipios.
O rexedor municipal de Ames explicou que “a comezo do mes de xaneiro producíronse grandes inundacións na Ponte Maceira e en Tapia, polo que se lle enviou un escrito o presidente de Augas de Galicia, encargado do encoro Barrié de la Maza do río Tambre, pedíndolle que se tivese unha previsión para proceder á apertura das comportas deste encoro e así regular de xeito máis eficiente o caudal de augas do río Tambre”.
Tendo en conta esas inundacións solicitamos unha xuntanza cos responsables da empresa Unión Fenosa Gas Natural SDG, compañía que explota os recursos hidroeléctricos do embalse Barrié de la Maza, situado no río Tambre que pasa por ambos concellos. Sobre a reunión mantida esta semana Miñones incidiu en que “foi un encontro cordial no que se estudou a problemática que se produce na cola da presa e que afecta directamente A Ponte Maceira e a Tapia”.
Por outra banda, Luís Pertierra, xefe de operacións da zona norte para a xeración hidráulica, explicou que “a afectación do embalse non chega a Ponte Maceira nin a Tapia, o cal está demostrado e se pode corroborar nun estudio realizado no ano 1995 pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Portos e Canles da Coruña.
Miñones destacou que este argumento non é compartido polos rexedores de Ames e Negreira. “Discrepamos sobre que a área de afectación da presa non inclúa á paraxe natural da Ponte Maceira, situada entre os dous municipios, despois das experiencias vividas a pé de río. Debido a iso dende os dous concellos plantexámonos solicitar un novo estudo máis detallado e actualizado con respecto ao presentado hai máis de 20 anos”, afirma o rexedor de Ames.
Ademais, ambos alcaldes solicitaron unha maior previsión na apertura das comportas da presa de Liñaio, en aras de evitar o risco de desbordamento para os veciños de A Ponte Vella.
“Dende Gas Natural Fenosa indicaron que non poden basearse en predicións senón que teñen que actuar tendo en conta situacións reais, polo que nos explicaron que en canto chega a auga embalsada a súa cota máxima, que é de 149 metros, é cando comezan a aliviar a mesma cantidade que entra”, sinalou o alcalde de Negreira, Jorge Tuñas.
Durante a xuntanza os responsables de explotación do embalse tamén indicaron que previo aos temporais do pasado mes de xaneiro a capacidade de auga embalsada atopábase arredor do 25%, que é o mínimo permitido pola Xunta de Galicia para salvagardar a fauna que habita o embalse e de cara ás previsións de crecida do río.
A instancias dos alcalde de Ames e Negreira tamén se van estudar alternativas a estas crecidas do río, sendo a limpeza da súa cunca unha das poucas solucións achegadas, máis alá de outras nin tan sequera plantexadas como alternativas ante o impacto ambiental ou paisaxístico que terían.
Inundacións en Tapia
Os responsables do embalse de Barrié de la Maza informaron que a situación de Tapia e as extensas inundacións que sofre, débense a ser un lugar totalmente plano que permite que a crecida do río se estenda ao ancho das parcelas que rodean ao río Tambre e non se acumule a auga ao alto, sempre dependendo do caudal e da cantidade das chuvias que caían. Os técnicos sinalaron que a existencia do salto de auga existente no seu contorno é unha causa máis que provoca o desbordamento do río e que está relacionada directamente coas inundacións.
José Miñones puxo encima da mesa a posibilidade de derivar parte da auga do río a través dunha canalización polo regato que rodea as instalacións da área recreativa de Tapia, sendo entendida polos técnicos responsables do embalse como unha boa solución que debe contar coa aprobación de Augas de Galicia, e que posiblemente solucione parte do problema. Ademais, daríalle un atractivo máis á este zona.
A Ponte Maceira
A situación da Ponte Maceira, lugar pertencente tanto ao concello de Ames coma o de Negreira, é máis complexa e segundo sinalaron a existencia do salto de auga que hai nesta zona e a ponte vella, dificultan máis se cabe a situación en caso de que produzan intensas chuvias. Dende Gas Natural Fenosa deuse conta do protocolo que seguen en caso de alerta. Tamén se lle explicou aos rexedores municipais que a apertura das comportas realízase ao chegar aos niveis marcados no protocolo establecido para estes casos, non podendo desembalsar maior cantidade de auga da que entra no embalse. Tamén se informou de que non existen criterios económicos á hora da apertura ou peche das comportas do embalse.
Por último, ambas partes coincidiron en ter unha comunicación máis fluída sobre todos estes asuntos de cara ao futuro. Ames e Negreira solicitaranlle a Augas de Galicia que sexan incluídos no sistema de notificacións que ten establecido de cara a poder dar información máis detallada aos veciños e veciñas de ambos concellos.





