Pestanas principais

Ames e a Cámara de Comercio de Santiago abrirán liñas de colaboración para impulsar o emprendemento

Xoves, 27 de setembro de 2012

[27-09-2012] O alcalde de Ames, Santiago Amor, visitou esta mañá, acompañado do concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, o Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que está situado no polígono de Costa Vella. Durante a visita, na que puideron coñecer as instalacións, mantiveron unha reunión co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, co secretario xeral, Fernando Barros, e a responsable do Viveiro, Rosa Cardeso, e na que trataron a posibilidade de abrir liñas de colaboración e buscar sinerxias para fomentar o emprendemento.


Tras a súa visita ao viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Santiago, o alcalde de Ames, Santiago Amor, destacou que a reunión mantida hoxe permitirá "abrir liñas de colaboración", principalmente nos eidos de formación e empredemento. O rexedor apostou por "buscar sinerxias nuns tempos tan complicados e cooperar para fomentar o emprendemento".

Na súa intervención, Santiago Amor destacou o papel importante que xogan os concellos neste eido, xa que coñecen de primeira man a situación na que se atopan os veciños e veciñas neste escenario económico incerto. Subliñou as iniciativas que leva a cabo o Concello de Ames, que aposta por intentar combater o paro a través da programación de obradoiros de emprego e iniciativas que favorezan a inserción. Un claro exemplo disto é o obradoiro de emprego que Ames puxo en marcha xunto co concello de Brión en materia de atención sociosanitaria e xardinería.

O rexedor amiense tamén destacou que no seu concello se instalaron empresas de nova creación, “punteiras, de base tecnolóxica e innovadoras”, que teñen proxección internacional. Curiosamente, algunha desas firmas nacera na propia incubadora cameral, que na actualidade ten 28 empresas, 16 con presenza física e 12 con presenza virtual, cunha taxa de supervivencia empresarial que roza o 80 por cento.

Por todo isto, amosou a súa "satisfacción" pola visita ao Viveiro de Empresas da Cámara de Comercio de Santiago, onde apostou por "traballar conxuntamente e buscar fórmulas de cooperación" para atallar o desemprego, algo vital nun concello con tanta poboación nova como é Ames.

Por outra banda, o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, falou de descubrir e aproveitar todas as sinerxias posibles en momentos difíciles, e destacou que a Cámara sempre baseou na área metropolitana e a demarcación cameral as súas reivindicacións. “Santiago ten que apoiarse no resto dos concellos da comarca para lograr infraestruturas axeitadas á súa realidade, como a futura estación intermodal ou o impulso aeroportuario de Lavacolla”, explicou Asorey.

Finalmente, Jesús Asorey, que lembrou afectuosamente que o agora alcalde de Ames foi membro de Pleno cameral, e Amor rubricaron a súa vontade de colaboración institucional.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Colaboración dela Cámara de Comercio y Ames para frenar el paro"