Pestanas principais

Ames e Brión solicitan á Consellería de Traballo unha subvención para desenvolver un novo obradoiro de emprego

Domingo, 01 de marzo de 2015

[01-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Emprego, Bernardo Moar, visitaron o venres o Concello de Brión para reunirse co seu rexedor, José Luis García. O motivo da xuntanza foi a sinatura dun convenio para solicitarlle unha subvención á Consellería de Traballo e Benestar de cara a poñer en marcha un novo obradoiro de emprego.

Trátase dunha acción formativa denominada “Accede” a través da cal, 24 participantes recibirán formación especializada en pavimentos e albanelaría de urbanizacións. A finalidade é levar a cabo traballos de mellora da accesibilidade, eliminando aquelas barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade en distintos puntos do Milladoiro, Bertamiráns e Brión.  

Entre outros aspectos, o convenio recentemente asinado ten por obxecto promover a xestión deste obradoiro de emprego de xeito compartido entre os concellos de Ames e Brión. A través deste programa ambas as dúas administracións perseguen mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas con idades comprendidas entre os 18 e os 25 anos.  

Os dous organismos asumen o compromiso de procurar a posterior inserción laboral de, cando menos, o dez por cento dos participantes no proxecto. Ademais, contratarase a un equipo de persoal composto por un director, un titor, un auxiliar administrativo e tres mestres. O curso impartirase ao longo de seis meses no Centro de Formación e Emprego de Ames, situado na urbanización de Aldeanova, na parroquia de Ortoño.  

Clausura do obradoiro de emprego Entre Ríos  
Mañá luns clausúrase o obradoiro de emprego “Entre Ríos”, desenvolvido conxuntamente entre os Concellos de Ames e Brión, e no que participaron un total de 22 alumnos. Ao longo de seis meses recibiron formación teórica e realizarán prácticas profesionais de cara a obter un certificado de profesionalidade de “Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes”. O acto de clausura terá lugar ás 13:30 horas no Centro de Formación e Emprego de Ames.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames y Brión piden una subvención a la Xunta para un nuevo taller de empleo"