[31-03-2016] O alcalde de Ames, Jose Miñones, e a primeira tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas, reuníronse coa conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e co director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, para falar de varios asuntos relacionados coa nova Estación de Tratamento de Auga Potable Ames-Brión, que foi inaugurada a finais do pasado mes de febreiro. Nesta xuntanza chegouse ao acordo de que a Xunta realizará un estudo para ver se é factible estender este servizo ata O Milladoiro. O Concello de Brión remitiralle mañá venres á Consellería o proxecto para levar a auga da nova potabilizadora ás parroquias de Ons, Viceso e Luaña.
O alcalde de Ames, Jose Miñones, agradeceulle á conselleira e ao director de Augas de Galicia que os recibiran, despois da solicitude de reunión feita por ambos concellos, e destacou que “se tratou dunha reunión de traballo na que falou de varios temas relacionados coa nova ETAP que prestará servizo aos concellos de Ames e Brión”. O rexedor municipal indicou que “o principal problema para Ames é que esta infraestrutura no dará servizo a todo o termo municipal, quedando fóra o o núcleo con maior número de habitantes como é O Milladoiro”.
Neste senso Miñones explicou que para estender este servizo ata O Milladoiro é necesario un importante investimento de canalización para conectar a nova ETAP cos depósitos situados na localidade do Milladoiro. “Estender este servizo a todo o concello tamén permitiría abaratar o custe do servizo de abastecemento de auga. Non tería sentido que esta nova instalación non preste o servizo a case a metade da nosa poboación, e que o Concello de Ames teña que seguir comprando auga ao Concello veciño de Santiago para abastecer ao Milladoiro e unha parte de Teo”, apuntou o rexedor municipal.
Sobre este asunto a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, adiantou que a Xunta de Galicia vai a realizar un estudo para ver se é factible estender este servizo ata O Milladoiro. No caso de que o devandito estudo sexa positivo a Xunta tratará de sufragar o custo das obras de canalización para estender este servizo ao resto do concello a través de fondos europeos. Ademais, Beatriz Mato coincidiu con Miñones en que é necesario abaratar o custe do servizo de abastecemento.
Proxecto para a parte alta de Brión
Pola súa banda, o Concello de Brión remitiralle mañá venres á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio o proxecto para levar a auga da nova potabilizadora ás parroquias de Ons, Viceso e Luaña. “Trátase dunha obra pequena, na que a conexións se faría por gravidade e que sairía dende Aguiar ata Mourentáns. Mañá mesmo enviarémosllo á Consellería para que o estuden e así poidamos completar unha obra de envergadura como foi a potabilizadora Ames-Brión”, explicou Yolanda Bouzas, primeira tenente de alcalde de Brión.
Yolanda Bouzas amósase esperanzada coa realización do proxecto xa que “a conselleira dixo que estaba de acordo connosco en que sería bo poder levar a auga do Tambre ás parroquias da parte alta de Brión polo que lles enviaremos o proxecto que temos elaborado para ver se é posible executalo proximamente”.
Informe técnico con deficiencias detectadas
Por outra banda, o alcalde de Ames entregoulle a conselleira un informe técnico, que foi elaborado pola arquitecta municipal, onde se recollen diversas deficiencias que presenta a nova ETAP e que cómpre que sexan resoltas por parte da Xunta de Galicia xa que esta instalación atópase dentro do primeiro ano de garantía. Unha das incidencias detectadas fai referencia ao pago das facturas do consumo eléctrico da ETAP, que foron remitidas ao Concello cando teñen que ser aboadas por parte da Xunta. O Concello devolverá estas facturas.
Ademais, neste informe recóllese a petición de documentación que é necesaria para que o Concello de Ames poida levar a cabo un estudio da explotación e a correspondente análise das instalacións por parte dos técnicos que o Concello determine.
Precisamente, sobre o modelo de xestión desta instalación José Miñones solicitoulle á conselleira que “a explotación desta nova instalación sexa realizada pola Xunta de Galicia, mediante Augas de Galicia ou a través da propia sociedade encargada da obra, en concepto de garantía, e como así sucede noutros concellos de Galicia. No caso de que sexamos os Concellos de Ames e Brión os encargados da explotación da nova ETAP, habería que abrir un proceso de licitación para adxudicar este servizo. Neste caso esta instalación non podería estar aberta de cara este verán porque ese proceso de licitación iría máis ala do período estival”.
Yolanda Bouzas insistiu en que “os Concellos non nos negamos a pagar, pero pensamos que sería mellor que a explotación da potabilizadora fora realizada pola Xunta, cando menos durante o primeiro ano de garantía das instalacións. Dixémoslle á conselleira que nós pagaremos o que custa, que nos facemos cargo da vixianza das instalacións, pero que entendemos que o xusto sería que Brión e Ames recibisen o mesmo trato ca outros concellos nos que a Xunta explota as instalacións e eses municipios corren cos gastos”.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Piden que la Xunta explote la potabilizadora amaiana un año y amplíe su ámbito"




