[20-02-2011] Na mañá do sábado, o Hotel Balneario Compostela, situado en O Tremo -punto limítrofe entre ambos municipios-, acolleu unha rolda de prensa na que interviñeron os alcaldes de Ames, Carlos Fernández, e o de Brión, José Luís García, para presentar un proxecto de colaboración entre ambos os dous Concellos para a prestación conxunta dos servizos de Emerxencias e Protección Civil e Policía local. Este proxecto constitúe unha alternativa práctica mediante a que os Concellos de Ames e Brión, optando pola vía da colaboración e o traballo conxunto, pretenden acadar unha mellora na prestación e cobertura do conxunto formado polos servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local en ambos termos municipais. A súa finalidade principal é empregar a fórmula da colaboración para a consecución dunha prestación eficaz e eficiente destes servizos, e a súa adaptación ás necesidades e expectativas da cidadanía. Ames e Brión converteranse nos dous primeiros municipios de Galicia, e moi probablemente de toda España, que unan os seus respectivos corpos de seguridade.
Os Concellos de Ames e Brión escolleron un punto limítrofe entre ambos municipios como é o Hotel Balneario Compostela, situado no lugar de O Tremo, co fin de presentar o proxecto de colaboración para prestar os servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local. Ames e Brión poden considerarse "un continuo humano e xeográfico -tal e como manifestou Carlos Fernández, o alcalde de Ames, no transcurso da presentación- dado que existe unha clara relación entre os asentamentos de poboación dun e doutro concello, sen que os límites dos termos municipais supoñan unha interrupción dos mesmos".
Para Carlos Fernández, "o proxecto responde desde o ámbito local a unha dinámica que se ven producindo nos Concellos e na sociedade e que reclama a cooperación e a coordenación de servizos entre dous ou máis Concellos para obter resultados máis eficaces e máis eficientes sen ter que incrementar os custes económicos". Fernández salientou os beneficios que para ámbolos dous Concellos suporá a unificación e centrouse na aportación que o Concello de Brión fai a Ames coas súas dotacións de Emerxencias e Protección Civil: "Para Ames vai ser unha vantaxe poder contar coas dotacións de Emerxencia e de Protección Civil toda vez que a Xunta non acaba de darlle paso ao parque de bombeiros comarcal. Ter un servizo como o de Brión que en poucos minutos pode prestar auxilio en calquera situación de emerxencia é unha magnifica solución no contexto no que nos estamos movendo".
Pola súa banda, o alcalde de Brión, José Luís García, sinalou que "este proxecto beneficia aos dous Concellos pois en Brión temos un servizo de Protección Civil moi ben montado, no que levamos xa moito tempo investindo tanto en materiais como na formación do persoal, e que será unha achega importante para os veciños e veciñas de Ames. Ademais, deste xeito Brión consegue reforzar o seu corpo de Policía, que ata de agora conta con tres membros, sen ter que facer un importante desembolso, algo que é clave nesta situación de crise económica".
Así mesmo, Xosé Luís García aclara que "este proxecto non significa ningún tipo de fusión de concellos, é unha colaboración entre Ames e Brión para prestarlles mellores servizos aos seus veciños cun custe menor para as arcas municipais".
Para ámbolos dous alcaldes, no momento actual de crise e dificultade económica, resulta especialmente relevante a posta en marcha, por parte dos Concellos, de fórmulas que permitan seguir prestando servizos, sen minoración do seu alcance e/ou calidade, e que sexan asumibles dende un punto de vista económico. Deste xeito, resulta máis necesario que nunca a potenciación do principio de eficiencia, potenciando a optimización dos recursos dispoñibles.
Nesta liña de eficiencia, a fórmula da colaboración entre as Administracións locais preséntase como un instrumento óptimo para poder afrontar a prestación de servizos públicos coa optimización de recursos dispoñibles, resultando especialmente adecuada para os momentos de crise e escaseza de recursos. A colaboración preséntase como unha fórmula que consegue dar valor engadido aos recursos xa existentes, mediante a posta en común dos mesmos, de tal xeito que os beneficios e resultados acadados sexan superiores aos obtidos de maneira singular e independente por cada un dos Concellos.
Para o profesor Xabier Ferreira, director do equipo que realizou o estudo "Estamos ante un feito histórico, é a primeira proposta deste tipo que se fai en todo o estado español. Con carácter xeral compre sinalar que, como consecuencia da materialización do presente proxecto, obteríanse significativos beneficios e melloras, tanto dende unha perspectiva global, como dende a perspectiva dos intereses particulares de cada un dos Concellos participantes. A través deste convenio de colaboración Ames poderá dotarse dun servizo de Emerxencias e Protección Civil como consecuencia da posta a disposición dos recursos materiais e persoais aportados polo GRUMIR de Brión. Tal e como indican os requirimentos legais os concellos de máis de 20.000 habitantes deben dispor deste servizo polo que se daría cumprimento a esta esixencia. Ademais, Ames reforzará o seu servizo de Policía local para adaptarse ás necesidades reais dun Concello caracterizado polo seu constante crecemento demográfico".
"No caso de Brión -engadiu Ferreira- conseguiríase un reforzo substancial no servizo da Policía local, como consecuencia dos recurso materias e persoais aportados polo Concello de Ames. Este convenio de colaboración significaría unha mellora significativa da situación previa xa que na actualidade existe un desaxuste entre os recursos materias e persoais dispoñibles para a prestación do servizo de Policía local e as necesidades reais deste Concello".
Coa posta en marcha deste convenio de colaboración ábrense unhas grandes perspectivas de futuro xa que os dous Concellos por separado tiñan a idea de mellorar e optimizar este conxunto de servizos. Agora con este programa de colaboración vai ser máis doado poder aumentar o nivel de seguridade en cada un dos concellos executando esta idea de forma conxunta e non por separado. Polo tanto a principal finalidade do proxecto é a utilización desta fórmula para a prestación eficaz e eficiente dos servizos de Policía local e Protección civil.
Principais beneficios
A posta en marcha deste convenio de colaboración suporíalle aos dous Concellos unha serie de beneficios como son a mellora na prestación e cobertura dos servizos a custe cero e a optimización de recursos existentes. Os veciños dos respectivos concellos terán a súa disposición un conxunto formado polos servizos de Emerxencias, Protección Civil e Policía local, con reforzo de recursos materiais e persoais, e cunha mellora substancial na calidade da súa prestación, sen necesidade de incrementar as partidas orzamentarias destinadas a tal fin. Esta mellora e reforzo dos servizos derívase da colaboración de ambos concellos e a posta en común dos seus recursos, sen necesidade de asumir novos custes económicos. Polo tanto esta mellora na prestación de servizos tería un custe cero.
Outro dos beneficios deste proxecto é a mellora na prestación e cobertura dos servizos sen necesidade de crear novas estruturas administrativas, así como a prestación efectiva e ordinaria dos servizos de Policía local e Protección Civil as 24 horas dos 365 días do ano, e na totalidade do territorio de ambos municipios. A mellora e reforzo dos servizos derívase da colaboración de ambos Concellos e a posta en común dos seus recursos e medios, aproveitando os enramados e mecanismos administrativos xa existentes, sen que se derive, polo tanto, sobrecarga administrativa.
Cómpre salientar tamén que, segundo delarou o alcalde de Brión, José Luís García, aos policías localis de Brión se lles subirá o soldo para que cobren o mesmo que os de Ames.
Incremento dos recursos
Un dos principais beneficios refírense ao incremento dos recursos dispoñibles. Prodúcese un incremento cuantitativo de recursos dispoñibles para a prestación do servizo de Policía local, principalmente no que se refire a número de axentes e de vehículos, xa que os Concellos de Ames e Brión pasarán a dispor dun corpo de seguridade composto por 28 membros (un inspector, 3 oficiais e 24 policías). Ata o de agora Ames dispón de 25 axentes (un inspector, 2 oficiais e 22 policías) e Brión dispón de 3 axentes (1 oficial e 2 policías). Este corpo de seguridade tería que atender a unha extensión territorial de 155 quilómetros cadrados e a unha poboación total de 35.247 habitantes (27.900 habitantes censados en Ames e 7.347 habitantes que están censado en Brión). O número de habitantes está actualizado segundo o padrón do INE, a 1 de xaneiro de 2010, pero a día de hoxe xa sería unha poboación levemente maior.
Deste xeito o Concello de Brión e Ames pasarían a ter unha ratio de axentes por cada mil habitantes de 0,8. Mentres que no caso de Ames non variaría a ratio no caso de Brión produciríase unha clara melloría sobre as ratios anteriores xa que na actualidade é de 0,4. En canto ao parque móbil estaría composto por 6 vehículos (5 automóbiles e unha motocicleta).
Ademais reforzaríase a plantilla da Policía local de forma inmediata, sen necesidade de ter que realizar procesos selectivos e agardar á superación dos períodos formativos e de prácticas (no caso de que se incorporasen novos axentes mediante procesos selectivos). Increméntase a capacidade operativa e a velocidade de resposta ante posibles incidencias. Existe a posibilidade de poder dispoñer, nunha mesma quenda de servizo, de ata cinco dispositivos/patrullas, composto cada un deles por un automóbil e dous axentes (coa posibilidade de engadir na mesma quenda un axente que se desprace en motocicleta).
O servizo de Policía local pasaría a estar integrado por un cadro de mandos composto por catro axentes (un inspector e tres oficiais), o cal permitirá que, cando menos, exista un mando por quenda de servizo, e con posibilidades de alternancia dos mesmos. Así habería un servizo mellor estruturado, de conformidade coas diferentes categorías profesionais e funcións que normativa prevé ao respecto. Tamén se dispoñería de maior capacidade para o mantemento do cuadrante de servizos, con cobertura de todas as quendas, en caso de ausencia de efectivos (baixas, vacacións, permisos e outras incidencias que provoquen a imposibilidade de asistencia dos axentes).
O servizo de Emerxencias e Protección Civil estaría composto de catro membros que serían persoal estable (un xefe de protección civil e tres oficiais-xefes de grupo) e 12 persoas encadradas dentro do apartado de persoal eventual (3 oficiais-capataces e 9 peóns). Por outra banda o parque móbil estaría composto por 4 vehículos (1camión forestal, 1 coche de mando, 1 vehículo de intervención con bomba e 1 camión urbano). Ao igual que no caso da Policía local este servizo cubriría a unha extensión territorial de 155 quilómetros cadrados e a unha poboación total de 35.247 habitantes.
Aforro económico
A posta en marcha deste proxecto supón un importante aforro económico para os dous Concellos. Tanto Ames como Brión terían que achegar un importe estimativo de 400.000 euros para dotar aos seus concellos dos medios e recursos necesarios para poder prestar este conxunto de servizo, con mínimas garantías, as 24 horas dos 365 días do ano.
Para a materialización do proxecto de colaboración é preciso que sexa aprobado polos Plenos dos respectivos Concellos. Posteriormente haberá que obter a autorización, por parte da autoridade competente na materia que neste caso é a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia. Unha vez realizados estes trámites só quedaría asinar o convenio de colaboración por parte dos alcaldes dos dous municipios. Ademais, en lugar de dúas Xunta de Seguridade Local, que sería o que corresponde no momento actual aos Concellos de Ames e Brión, outra das vantaxes deste acordo é que se vai a crear unha única Xunta de Seguridade Local para ambos os dous Concellos. Este órgano encargarase de coordinar, supervisar e planificar as actuacións dos devanditos servizos.
Amparo legal
A posta en marcha deste proxecto está amparado na lexislación actual. As novas posibilidades legais permiten a materialización de actuacións conxuntas, por parte das Administracións locais, no eido da Policía local. A entrada en vigor da Lei Orgánica 16/2007, de 13 de decembro, complementaria da Lei para o desenvolvemento sostible do medio rural, modifica a Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade, e incorporan na mesma unha nova cláusula adicional (a quinta), que abre a posibilidade de que os Concellos dunha mesma Comunidade poidan asociarse coa finalidade de prestar as funcións propias da Policía local, sempre que sexan limítrofes e non dispoñan, separadamente, dos recursos suficientes.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Brión y Ames abren nuevas vías de colaboración intermunicipal"
La Voz de Galicia: "Brión y Ames abren nuevas vías de colaboración intermunicipal"
El Correo Gallego: "Ames y Brión, pioneros en unir servicios de emergencias y 092"
El Correo Gallego: "Ames y Brión, pioneros en unir servicios de emergencias y 092"
El País: "Ames y Brión dan el primer paso para compartir policía"
El País: "Ames y Brión dan el primer paso para compartir policía"
La Opinión: "Ames y Brión, los primeros municipios de España que unen su policía local"
La Opinión: "Ames y Brión, los primeros municipios de España que unen su policía local"
Galicia Hoxe: "Ames y Brión, pioneros en unir servicios de emergencias y 092"
Galicia Hoxe: "Ames y Brión, pioneros en unir servicios de emergencias y 092"
Europa Press: "Ames y Brión, primeros municipios en unificar los servicios de Emergencias, Protección Civil y Policía Local"
Europa Press: "Ames y Brión, primeros municipios en unificar los servicios de Emergencias, Protección Civil y Policía Local"
ABC: "Los municipios de Ames y Brión unifican servicios"
ABC: "Los municipios de Ames y Brión unifican servicios"




