Pestanas principais

Ames e Brión farán unha campaña conxunta para fomentar o aforro de auga entre a cidadanía

Luns, 29 de agosto de 2022

Esta mañá mantívose unha xuntanza na Casa do Concello de Ames entre os alcalde de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, e representantes da empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Espina & Delfín, para avaliar a situación actual de ambos concellos que están en situación de pre-alerta, decretada a semana pasada pola demarcación hidrográfica Galicia-Costa. En dito encontro decidiuse que ambos Concellos van a elaborar de xeito inmediato unha campaña conxunta para achegarlle á veciñanza consellos de cara a fomentar o aforro de auga. Cómpre lembrar que o Concello de Ames xa publicou a campaña de “Augaconsellos” no pasado mes de xuño.

Os concellos de Ames e Brión atópanse en situación de pre-alerta decretada a semana pasada pola demarcación hidrográfica Galicia-Costa. Debido a iso esta mañá mantívose unha xuntanza entre os alcaldes de Ames, Blas García, e de Brión, Pablo Lago, para avaliar a situación actual. En dito encontro tamén participou o concelleiro de Urbanismo e Administración Xeral do Concello de Ames, Víctor Fernández, persoal da empresa concesionaria do ciclo integral da auga, Espina & Delfín, e técnicos de ambos Concellos.

Segundo explica o alcalde de Ames, Blas García, “polo de agora non se van adoptar medidas drásticas de corte de auga, pero temos que ser conscientes de que estamos en situación de pre-alerta e de que a situación é complicada. Vamos a seguir facendo revisións periódicas sobre o consumo de auga. Na última semana detectamos que houbo unha diminución no consumo de auga en Bertamiráns e no Milladoiro, isto indica que a maior parte da veciñanza está concienciada sobre o aforro de auga. Vamos a seguir mantendo reunións periódicas co Concello de Brión para ver como vai evolucionando esta situación durante as próximas semanas”.

O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, destacou “sumámonos ao Concello de Ames neste chamamento aos veciños e veciñas no uso responsable e adecuado da auga. Aínda que está sendo un ano atípico é moi probable que no futuro os veráns sexan deste tipo. Por eso é necesario que desde as administracións creemos as infraestruturas necesarias para garantir o subministro da auga á veciñanza”.

Campaña para o aforro de auga
Un dos acordos adoptados na xuntanza desta mañá é que ambos Concellos van a publicar unha campaña na que se achegarán concellos para fomentar o aforro de auga entre a veciñanza. Esta campaña publicarase nas redes sociais dos dous Concellos e tamén se repartirán folletos informativos entre a cidadanía para tratar de facer un uso responsable da auga.

Cómpre lembrar que o Concello de Ames publicou a semana pasada un vídeo no que se explica a preocupante situación actual do concello neste senso. Na peza audiovisual, o alcalde de Ames, Blas García, pide a colaboración da veciñanza para paliar a escaseza que sofre Ames na captación de auga. A publicación deste vídeo dá continuidade ás medidas adoptadas polo Concello de Ames dende comezos de xuño co fin de reducir o consumo de auga, como controlar e reducir o rego dos xardíns municipais e das zonas verdes, así como a cantidade de auga potable que se gasta nos baldeos e servizos de limpeza.

Ademais, púxose en marcha a campaña “Augaconsellos”, unha serie de recomendacións e medidas para animar á veciñanza a facer un uso responsable da auga de xeito sinxelo nun período estival especialmente caloroso e seco. A través desta campaña, inclúense varias medidas que pode adoptar a veciñanza de xeito sinxelo para reducir o consumo de auga, como usar a ducha en lugar do baño; usar a lavadora chea; limitar o enchido de piscinas; non empregar o váter como papeleira; racionar a auga para o rego; optimizar o lavado de vehículos; revisar posibles fugas de auga; pechar a billa mentres se lavan os dentes, ou limitar o baldeo e limpeza das rúas.

Arranxo da presa da Ponte Maceira
Outra das medidas acordadas esta mañá é que se lle vai solicitar a Augas de Galicia e á Dirección Xeral de Patrimonio o arranxo da presa da Ponte Maceira, que ten unha rotura nunha das súas paredes o que provoca o escape de auga nunha das zonas de captación do río Tambre. O nivel da auga está 20 centímetros sobre o nivel de captación de auga, pero se a presa estivese arranxada dito nivel aumentaría ao dobre, podendo estar a 40 centímetros por encima do nivel de captación.

Isto xa se lle trasladou aos representantes de Augas de Galicia na xuntanza que mantivo a semana pasada o Concello de Ames, xunto a outros 20 Concellos, con Augas de Galicia, co fin de analizar a situación nos concellos afectados e facer unha posta en común das medias medidas adoptadas e recomendacións de cara ás vindeiras semanas.

Esta semana tratarase de coñecer quen é o titular de dita presa, para poder executar dito arranxo o antes posible. Agora é o momento idóneo para poder realizar estes traballos na presa xa que o caudal do río está baixo. Ademais, é urxente arranxar esta deficiencia xa que durante o inverno, ao aumentar o caudal do río, o estrago na presa podería ser maior.
 
Blas García remata dicindo que “hai que facer un uso responsable da auga sempre, pero nestes momentos máis que nunca xa que a situación é complicada pola falta de auga. Agardemos que a situación climatolóxica mude e chova con forza varios días para que o caudal do río Tambre se incremente e isto permita que a situación actual mellore. Aínda así, no caso de que non chova nas próximas semanas, se facemos un uso responsable da auga poderiamos chegar ao mes de outubro sen ter que realizar cortes de auga, pero iso depende de todos e todas nós”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames y Brión unifican medidas para reducir el gasto de agua"

El Correo Gallego: "O descenso no consumo de auga evita os cortes na Maía"

AMSGO!: "Ames e Brión suman esforzos polo aforro de auga"

Enfoques: "Ames e Brión xuntan forzas para reducir o consumo de auga"

Quincemil: "Ames y Brión (A Coruña) se reúnen para atajar medidas contra la sequía"

Imaxe da xuntanza entre os Concellos de Ames e Brión coa empresa Espina y Delfín

Multimedia

  • Imaxe da xuntanza entre os Concellos de Ames e Brión coa empresa Espina y Delfín
  • Cartaz da campaña de Augaconsellos
  • Consellos para aforrar auga na rega
  • Embedded thumbnail for