[02-03-2015] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a directora xeral de Emprego e Formación, Ana Díaz, visitaron esta mañá o Centro de Formación e Emprego de Aldea Nova, na parroquia amesá de Ortoño. O motivo da visita foi a clausura e entrega de certificados do obradoiro de emprego “Entre Ríos”, promovido polos Concellos de Ames e Brión. Ao acto tamén asistiron o concelleiro de Promoción Económica e Traballo, Bernardo Moar, o alcalde de Brión, José Luís García, e a directora do obradoiro, Carmen González.
O obradoiro de emprego “Entre Ríos”, que comezou no mes de setembro, permitiu que 22 alumnos e alumnas dos concellos de Ames e Brión recibiran formación en actividades de conservación e mellora do monte. Algunhas das actuacións que levaron a cabo foron traballos de corrección hidrolóxica no río Sar, tarefas de conservación de zonas forestais ou labores de limpeza en varias rutas de sendeirismo en ambos os dous concellos. A posta en marcha deste proxecto foi posible grazas a unha subvención duns 200.000 euros da Consellería de Traballo e Benestar.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, deu os parabéns ao alumnado e agradeceu a colaboración da Consellería de Traballo e do Concello de Brión, sinalando que este tipo de programas “son beneficiosos para promover a inserción laboral”. Amor manifestou a súa satisfacción por que o río Sar “teña máis vida e volva a recuperarse grazas ao traballo de persoas cualificadas”.
Pola súa parte, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana Díaz, eloxiou aos Concellos de Ames e Brión polo seu “compromiso coas persoas e o traballo”. Díaz destacou a relevancia desta especialidade en Galicia e afirmou que o nivel de inserción laboral deste tipo de políticas de formación de emprego é de entre un 40 e un 60%.
Formación teórica e práctica
En conxunto, ao longo dos seis meses de duración do obradoiro, cun total de 960 horas, o alumnado traballou na preservación dos ecosistemas da ribeira do Sar, no acondicionamento e sinalización da ruta de Piñeiro e de Riamonte, en actuacións silvícolas nos lugares de Mercuto e Lapido (Ames) e de Saíme e Salaño (Brión), na creación de faixas secundarias contra os incendios en Mercuto ou no acondicionamento de varias rutas de sendeirismo de Ames e Brión.
Solicitude dun novo obradoiro de emprego
O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o seu homólogo en Brión, José Luis García, asinaron o pasado venres un convenio para solicitarlle á Consellería de Traballo e Benestar unha subvención que lles facilite a posta en marcha dun novo obradoiro de emprego de xestión conxunta.
Santiago Amor explicou que o obxectivo desta firma “é darlle continuidade ás accións formativas que facilitan a inserción laboral dos nosos veciños”. O programa, do que se beneficiarían 24 participantes, céntrase na formación especializada en pavimentos e albanelaría de urbanizacións. “A finalidade é levar a cabo traballos de mellora da accesibilidade, para eliminar as barreiras arquitectónicas que dificultan a mobilidade en distintos puntos do Milladoiro, Bertamiráns e Brión”, sinalou o rexedor amesán.
Contido relacionado
.jpg)
La Voz de Galicia: "Concluye el taller de empleo Entre Ríos, que formó en tareas ambientales a 22 desempleados"
El Correo Gallego: "Entre Ríos formó a 22 amaianos en mejorar y conservar montes"




