Pestanas principais

Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enogastronómica e dun novo mercado en Bertamiráns

Venres, 01 de decembro de 2023

A Corporación municipal aprobou por unanimidade practicamente todos os puntos tratados no pleno ordinario de novembro. Foi aprobado por unanimidade a alteración de cualificación xurídica dun anaco de camiño público no lugar de Firmistáns; o convenio de colaboración para a xestión do plan de sustentabilidade turística nova experiencia enogastronómica e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago; a modificación do lote 1 do servizo de monitorización dos programas municipais de conciliación da vida laboral e familiar do Concello de Ames, e maila aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito. Tamén se aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal do BNG relativa á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista. Outra moción presentada polo BNG para denunciar a guerra de Israel contra a Franxa de Gaza foi aprobada por maioría absoluta. Podes ver a gravación do pleno na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 496 decretos, do 3.474 ao 3.969. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, deu conta das liñas fundamentais do orzamento 2024 e da información periódica a render ao pleno correspondente ao terceiro trimestre do exercicio 2023. Susana Señorís dixo que o orzamento de 2024 seguirá as mesmas liñas co de 2023 e tamén indicou que o período medio de pago a provedores situase en 43 días, pero non foi debido á falta de liquidez senón pola tramitación de distintas facturas correspondentes a diversos departamentos municipais.   

A continuación aprobáronse por unanimidade as actas anteriores, correspondentes á sesión ordinaria do 26 de outubro e do pleno extraordinario do 24 de novembro.

De seguido, a Corporación municipal aprobou por unanimidade a aprobación definitiva da desafectación dun anaco de camiño público de 240,75 metros cadrados situado no lugar de Firmistáns, na parroquia de Bugallido, que en dirección norte - sur atravesa as fincas número 37, 38 e 39 da concentración parcelaria de Bugallido, segundo o recollido no informe pericial e levantamento topográfico de outubro de 2021.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, explicou que a aprobación inicial tivo lugar mediante acordo plenario do 11 de setembro de 2023 sen que se presentaran alegacións durante a súa exposición publica. A finalidade desta desafectación é alterar o trazado do referido anaco do camiño facendo coincidir a representación gráfica coa realidade física. Unha vez aprobado este punto realizarase a recepción formal do anaco do camiño desafectado e procederase a incorporalo no inventario municipal de bens.

Plan de sustentabilidade turística
Outro dos puntos que saíu adiante por unanimidade foi a aceptación para subscribir un convenio de colaboración para a xestión do plan de sustentabilidade turística nova experiencia de enogastronomía e incremento da cota de mercado do destino Terras de Santiago, no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia financiando pola Unión Europea Next Generation EU. Dito plan contempla diversas actuacións cifradas en 1.300.000 euros que serán financiadas pola Axencia de Turismo de Galicia con cargo aos Fondos Europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

O alcalde e responsable da área de Turismo, Blas García, explicou que con fin de garantir a correcta execución do convenio proponse a sinatura dun convenio de colaboración entre a Asociación Terras de Compostela e mailos nove concellos da provincia da Coruña nos que terían lugar as actuacións (Ames; A Baña; Boqueixón; Brión; Negreira; Santa Comba; Teo; Val do Dubra, e Vedra). Ao Concello de Ames corresponderanlle 43.500 euros para a compra de carpas para crear un no mercado en Bertamiráns e outros 43.500 euros para a creación dunha ruta enograstronómica que vai discorrer dende Trasmonte ata Agrón (á altura da aldea modelo).

Modificación do servizo de monitores dos programas municipais de conciliación
Por outra banda, aprobouse por unanimidade a primeira modificación do contrato do servizo de monitores e persoal na rede de comedores escolares do Concello Ames (lote número 1). A modificación do contrato supón un incremento de 8.438,31 horas anuais, o que representa un importe de 128.937,38 euros e supón un incremento do 6,18% sobre o contrato inicial. Dito incremento é debido á limpeza integral da que se encarga a empresa adxudicataria do contrato e que antes realizaba o persoal municipal da área de comedores.

O seguinte punto da orde do día relativo á primeira modificación do contrato do servizo de monitores no programa de Bos días Cole (lote 2), foi retirado da orde do día  debido, segundo dixo o alcalde, a que se detectou un pequeno erro na documentación. A Corporación municipal aprobou por unanimidade retirar este punto da orde do día.

Recoñecemento extraxudicial de crédito
Tamén foi aprobado por unanimidade a aprobación do recoñecemento extraxudicial de créditos 3/2023. A concelleira de Servizos Económicos, Susana Señorís, explicou que é para o pagamento de obrigas económicas pendente de imputación orzamentaria e pago e cuxo importe ascende a 4.960,62 euros e que se corresponden todas elas a gastos devindicados no 2022, para os que non existía expediente de licitación tramitado ao efecto.

Apartado de mocións
Por último, abordáronse dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG. A primeira, aprobada por unanimidade, alude á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia machista. Nesta moción exprésase o rexeitamento ante o avance dos discursos negacionistas e banalizadores da violencia machista; ínstase á Xunta de Galicia a incrementar os recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2024 de forma que se sitúen como mínimo no 1% do total; ínstase á Xunta de Galicia a incrementar os esforzos na prevención e na loita contra a violencia sexual; e demándase da Xunta a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM.

A segunda moción tratou sobre a denuncia da guerra de Israel contra a Franxa de Gaza. Neste caso, esta moción saíu adiante cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno (PSOE), así como das/os edís do BGN e Espazo Común. Os concelleiros/as do grupo municipal popular abstivéronse.

Nela proponse condenar absolutamente, e sen matices, os crimes cometidos en Palestina, tanto no territorio do Estado de Israel como en Gaza e Cisxordania; condenar firmemente a guerra de ocupación levada a cabo por Israel contra Palestina, así como o asasinato de civís por calquera dos bandos; exixir o establecemento inmediato dun cese ao fogo e o respecto absoluto dos dereitos humanos e a legalidade internacional; mostrar solidariedade e apoio con toda Palestina e co seu exilio, provocado pola guerra e ocupación que sofren desde hai 75 anos; instar á Xunta de Galicia a colaborar e enviar axuda humanitaria á poboación palestina da Franxa de Gaza; e instar ao Goberno de España e á Unión Europea a recoñecer o Estado de Palestina.

Intervención dunha veciña
Unha vez finalizado o Pleno déuselle voz a unha veciña que solicitou previamente por Rexistro poder intervir, segundo se recolle no Regulamento orgánico de Participación Cidadá do Concello de Ames, para realizar rogos ou preguntas dirixidas ao goberno sobre asuntos de interese municipal. Deste xeito, María Lourdes Zarauza González, en representación da asociación O Reguiño, solicitou que se estableza unha nova parada de autobús na aldea de Raíces no tramo de camiño que enlaza Raíces con Tarrío, así como a colocación dunha marquesiña. María Lourdes Zarauza dixo que debido a súa idade e as dificultades que ten para andar grandes traxectos ten as paradas de autobús moi lonxe do seu domicilio.

O alcalde recomendoulle empregar o servizo de transporte adaptado que está dirixido a persoas maiores e/ou persoas como dificultades de mobilidade. Para poder dispor de dito servizo hai que reservar praza chamando ao número de teléfono gratuíto 900 204 000 ou ao teléfono da Oficina de Voluntariado 662 377 044. Ademais, propúxolle que a asociación O Reguiño faga unha recollida de sinaturas solicitando a nova parada na aldea de Raíces, para posteriormente presentalas por Rexistro no Concello e sexa o propio Concello o que faga a solicitude na Dirección Xeral de Mobilidade.

Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enograstronómica e dun novo mercado en Bertamiráns

Multimedia

  • Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enograstronómica e dun novo mercado en Bertamiráns
  • Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enograstronómica e dun novo mercado en Bertamiráns
  • Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enograstronómica e dun novo mercado en Bertamiráns
  • Ames disporá dunha axuda de 87.000 euros para a creación dunha ruta enograstronómica e dun novo mercado en Bertamiráns