[03-06-2017] O Concello de Ames conta dende o pasado luns, 29 de maio, de novas contas para o exercicio 2017, ao saír adiante por maioría absoluta en pleno a aprobación definitiva do orzamento 2017, despois de inadmitir as emendas presentadas. A aprobación destas contas contou cos votos favorables dos grupos que compoñen o goberno (PSdeG, Contigo Pódese e BNG) mailo voto dos catro compoñentes do grupo de Ames Novo. Os votos contrarios a esta aprobación definitiva foi por conta do grupo popular, Pacto por Ames e o concelleiro non adscrito. O último orzamento aprobado no Concello de Ames databa de outubro de 2012, hai case 5 anos, aprobado naquel momento polo goberno do Partido Popular que contaba con maioría absoluta.
O feito da aprobación destas contas permitiralle ao goberno municipal levar adiante un elevado número de iniciativas que son recollidas nos máis de 23 millóns de euros, e que por primeira vez, recollen a participación da veciñanza a través duns "orzamentos participativos" que a día de hoxe estanse levando a cabo coa realización de reunións en cada unha das parroquias do rural amesán.
Comparativa co orzamento de 2012
Dentro das grandes cifras, o goberno destinará máis de dous millóns de euros a blindar a partida de Servizos Sociais, tal e como foi recollido no programa de goberno. Destaca a partida para o programa de Renda básica municipal e emerxencia Social, así como o novo programa de Xantar na casa con partida propia. Outro feito destacable é o incremento do 31% con respecto ao ano 2012, o que supón case medio millón de euros máis para a área. Ademais tamén se contempla o reforzo de persoal.
A de benestar social será a área con maior gasto (un 24,6% do orzamento), seguida da de educación con máis de 4 millóns de euros de investimento, e que amosa un claro compromiso do goberno pola potenciación da política de conciliación. A partida que máis incrementa de importe con respecto ao anterior orzamento de 2012 é a de Turismo e Comercio (un 132% máis), destacando a creación dunha nova liña de subvención para actividades comerciais e comercio que disporán 70.000 euros.
O fomento do emprego é outra das liñas que ve incrementado notablemente o seu importe con respecto ao 2012 (un 70% máis) amosando así o compromiso anunciado polo goberno ao longo do mandato de apostar polas políticas de emprego, entre as que destacan o emprendemento con partidas específicas para un centro de Coworking e a recuperación do Viveiro de Empresas. A política deportiva tamén ve incrementada a súa partida en máis de 160.000 euros entre os que destaca o incremento das subvencións deportivas nun 50%, o investimento en infraestruturas e a maior partida para eventos e material deportivo.
Partidas específicas para acordos coa Xunta
O orzamento de 2017 reserva crédito para actuacións recollidas en acordos alcanzados entre o Concello e a Xunta de Galicia. Así, para as actuacións de urbanización do entorno do novo centro de saúde do Milladoiro haberá unha partida que permitirá seguir avanzando nos pasos xa iniciados coa Consellaría de Sanidade e que na actualidade atópanse na solicitude de licenza por parte da entidade autonómica. Tamén en materia educativa resérvase un crédito de 70.000 euros para a compra da parcela do IES de Ames de cara á súa cesión tal e como foi acordado coa Consellaría, e unha partida de case 60.000 euros para as demandadas obras do CEIP de Barouta (da sala de usos múltiples que o Concello levará a cabo con fondos propios).
Outra das grandes infraestruturas reavivadas neste último ano foi a do cemiterio municipal, que conta cunha partida para a súa posta en marcha mediante xestión municipal, unha vez que se rematen as obras de acondicionamento que na actualidade estanse a executar.
Investimentos e obras
Nos orzamento de 2017 aparecen recollidos algo mais de 2,3 millóns de euros para obras nos entornos urbanos e no rural. Destacan por importe dúas actuacións que se realizarán no núcleo do Milladoiro, como son a reurbanización da Travesía do Porto e a aposta pola eficiencia enerxética do sistema de alumeado do núcleo principal de poboación, sumando case 750.000 euros entre ambas.
Outras actuacións xa programadas e con proxecto serán o acceso á rúa Entrerríos, en Bertamiráns; a mellora dos campos de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro; o acondicionamento dun local de ensaio para a EMMA; a creación dunha nova cancha deportiva en Agro do Muíño; a reparación da área deportiva de As Mimosas; a creación dunha sala multiusos e pista de squash en Bertamiráns; a ampliación do pavillón do Milladoiro; a mellora de sinalización do polígono industrial Novo Milladoiro; a adecuación de rutas de sendeirismo por mais de 65.000 euros; a creación de novos espazos caninos; as obras de eficiencia enerxética da Casa do Concello; o investimento en administración electrónica ou a nova adecuación do espazo de auto caravanas.
Investimentos no rural
No que se refire aos investimentos do rural o orzamento reflicte os importes acordados coas asociacións veciñais no pasado mes de febreiro. Ademais a partida de 132.000 euros de orzamentos participativos, súmanse a outra de 150.000 euros para obras de saneamento e abastecemento que serán acordadas coa veciñanza. Asemade, rexístranse tamén investimentos para a mellora da estrada de Coira, pavimentación de vías en Caroubáns, os arranxos dos camiños de Oca e Miso por mais de 170.000€, a aposta da eficiencia enerxética nos locais sociais do rural ou o acondicionamento dun local para vivenda social en Firmistáns.
Gastos en persoal
No presente orzamento dáse cobertura á recente aprobación da Relación de Postos de Traballo (RPT) levada a cabo polo goberno o pasado ano. Ademais da creación da praza de técnico/a de Secretaría, aparece recollido tamén o crédito para a contratación dun técnico enxeñeiro para o control do Ciclo integral da auga, que permitirá facer un seguimento do servizo, ademais de realizar o estudo da municipalización do mesmo. No orzamento tamén se recolle unha partida para aboarlle ao persoal municipal a paga extra de 2012, que quedou pendente de abonar e os importes das sentenzas xudiciais de reclamacións anteriores a 2015.
Datos económicos
A proxección económica das contas municipais no novo orzamento manteñen a liña actual de redución da débeda e cumprimento da estabilidade económica, de xeito que o goberno dedicará a amortizar débeda pública a cantidade de 720.594 euros, o cal continúa coa liña xa comezada no ano anterior que permitiu a amortización de 1.100.000 euros en débeda ata a actualidade, ademais da renegociación da débeda bancaria cunha rebaixa importante dos tipos impositivos. A previsión de débeda bancaria para o final de 2017 sitúase nos 2.774.567,36 euros, a máis baixa do Concello de Ames dos últimos anos e a pesares do elevado peso que supón o préstamos de pago a provedores solicitado polo anterior goberno en 2012 e que non se comezou a amortizar ata o pasado 2015.
No relativo aos gastos e ingresos aprobáronse uns orzamentos nos que se incrementa a cifra total de ingresos en 1.200.000 euros, un 5,62%, e a cifra de gastos en 1.700.000 euros, un 8,10% máis, que o recollido no orzamento do 2012, cumpríndose a estabilidade orzamentaria a pesares da rebaixa do IBI aplicada en decembro de 2015, e que supón unha diminución de ingresos por este concepto taxada en 615.000 euros. Cabe destacar tamén que no concepto de ingresos non se incrementan as taxas nin os impostos, o que amosa unha maior eficiencia e eficacia na xestión dos fondos públicos.
O alcalde de Ames, José Miñones, amosa a súa satisfacción “por ter acadado a necesidade de contar cun novo orzamento e devolver a estabilidade política e económica ao Concello cunhas contas, que ademais de reducir a débeda, incrementan os investimentos con un marcado carácter progresista e de cambio, apostando polos servizos sociais, as políticas de conciliación e os programas para a cidadanía, e mantendo a rebaixa do IBI e sen incrementar as taxas”.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, pola súa parte destaca que “coa aprobación deste novo orzamento estamos a cumprir un dos nosos principais compromisos de goberno que nos vai permitir poder desenvolver as novas iniciativas e actuacións previstas para este ano, e continuar coa mellora e ampliación dos servizos nas distintas áreas de goberno, contando xa cuns orzamentos máis axustados ás necesidades actuais do noso concello”.