Pestanas principais

Ames destina 25.000 euros á convocatoria de subvencións para a promoción do comercio

Xoves, 27 de decembro de 2012

[27-12-2012] O Concello de Ames vén de aprobar as bases da convocatoria de subvencións para a promoción do comercio no municipio. Neste exercicio, a convocatoria de subvencións está dotada de 25.000 euros. Esta contía repártese en dous capítulos. A primeira partida, destinada á promoción comercial, está dotada de 19.000 euros, mentres que a segunda partida estará destinada a infraestruturas e equipamentos e disporá de 6.000 euros. As bases foron aprobadas hoxe pola Xunta de Goberno Local e despois serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A partir dese momento, abrirase o prazo dun mes para que as asociacións poidan presentar as solicitudes coas que concorrer a estas axudas.

Estas subvencións están destinadas a promover actividades desenvolvidas no 2012 polas asociacións de empresarios e comerciantes existentes no Concello de Ames, que estean legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro de asociacións.

O concelleiro de Comercio e Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca que, con esta convocatoria “téntase achegar o comercio amiense ao maior número de clientes e mellorar a calidade da actividade comercial. Ademais, pretendese impulsar a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do Concello, programada e desenvolvida polas entidades asociativas do sector e na que a administración municipal represente un papel secundario”.

Na primeira partida, destinada á promoción comercial e dotada con 19.000 euros, subvencionaranse as accións e proxectos destinados á comunicación comercial de distinta índole sobre o mercado: publicidade, promoción de vendas, animación comercial, celebración de exposicións, congresos e aquelas actividades destinadas á promoción de produtos comercializados polas empresas que desempeñan a súa actividade comercial no concello de Ames.

Na segunda partida, dotada con 6.000 euros, subvencionaranse a mellora de instalacións, infraestruturas e equipamento das asociacións. Considéranse incluídos os gastos de funcionamento da asociación, entendéndose como tales os gastos de aluguer de locais e xestoría.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames destina 25.000 euros á convocatoria de subvencións para a promoción do comercio"