- Tematica
A compañía Ibuprofeno Teatro, que contou co apoio do Concello de Ames durante a xira de presentación de Reconversión, erixiuse na noite do 8 de abril como a gran gañadora dos XXX Premios de Teatro María Casares, o principal recoñecemento das artes escénicas galegas, entregados pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, e nos que estiveron o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz. Ademais, o músico amesán, Alonso Caxade, foi galardoado co premio ao mellor espazo sonoro grazas ao seu traballo na obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro.
O alcalde de Ames, Blas García, destaca “a calidade artística que ten Ames, xa que conta entre a súa veciñanza con músicos, actores e actrices que destacan no panorama galego e nacional, tanto na escena musical como das artes escénicas. Teño que felicitar a todos os artistas que conseguiron un premio na gala dos XXX Premios de Teatro María Casares, pero tamén a aqueles que obtiveron nomeamentos. Nos vindeiros días farémoslle un recibimento no Concello de Ames para recoñecer o seu traballo”.
A compañía máis destacada da noite foi Ibuprofeno Teatro, coa que colaborou o amesán Alonso Caxade. O grupo, que foi beneficiario das residencias artísticas que ofrece o Concello de Ames, alzouse con seis dos once nomeamentos cos que contaba pola obra Reconversión. O Concello de Ames colaborou coa obra Reconversión durante a súa xira de presentación, xunto con outros concellos galegos.
Deste xeito, acadou o premio ao mellor espectáculo, mellor dirección (Santiago Cortegoso, Carlos Álvarez-Ossorio e Natalia Feijoo), mellor texto orixinal (Santiago Cortegoso), mellor actor secundario (Fran Lareu), mellor actriz secundaria (Cristina Collazo), e mellor espazo sonoro. Este último galardón e mellor espazo sonoro, recaeu no músico amesán Alonso Caxade, grazas ao seu traballo na obra Reconversión, de Ibuprofeno Teatro.
En representación das artes escénicas amesás, Marta Alonso Tejada acadou o premio á mellor dirección de movemento por A serie Clopen, do Centro Dramático Galego; e Rafa Martínez, Miguel Gendre e Laura Pouso alzáronse co premio ao mellor espazo escénico polo seu traballo en TROMSØ, de Morraoconto.
Pola súa parte, a actriz e activista Luma Gómez foi recoñecida co premio de honra Marisa Soto en homenaxe á súa longa traxectoria no mundo da interpretación.
Por último, A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica, producida por Tanxarina Títeres a partir da obra de Carlos Labraña, foi galardoada como mellor espectáculo de monicreques, destacando por defender a imaxinación fronte á intelixencia artificial. Esta obra de aventuras, música e humor celebra a amizade e a literatura, conmemorando o 75 aniversario da Editorial Galaxia.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Caxade conquista el premio al Mellor espazo sonoro en los galardones María Casares tras convertir a ocho actores de Ibuprofeno Teatro en músicos"










