Pestanas principais

Ames dálle a benvida ao Nadal co acendido da iluminación, música e obradoiros

Venres, 13 de decembro de 2013

[13-12-2013] Ames recibiu hoxe o Nadal co acendido da iluminación e cun acto no que houbo música, chocolate e premios. Neste 2013, o Concello conta co apoio económico da Deputación da Coruña, polo que ademais do tradicional acendido que enche de luz as rúas, prazas e parroquias, celebráronse varias iniciativas que compuxeron un completo acto co que os veciños e veciñas amienses puideron dar a benvida a estas festas. A festa foi un éxito, xa que decenas de veciños e veciñas achegáronse á Praza do Concello para gozar da chegada do Nadal.


Concurso de escaparates
Ademais, a Concellería de Promoción Económica ampliou ata o 17 de decembro o prazo para participar na nova edición do Concurso de Escaparate Nadal 2013, que ten como obxectivo dinamizar o comercio amiense e estimular as compras. Os escaparates deberán estar decorados con motivos e adornos que teñan como tema principal as Festas de Nadal.

Deste xeito, as solicitudes de inscricións poderán presentarse ata o 17 de decembro en horario de 09:00 a 14:00 horas, nos rexistro municipais da Casa do Concello, en Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, os escaparates deberán estar expostos entre os días 18 de decembro de 2013 e o 5 de xaneiro de 2014. Aqueles escaparates que non se atopen montados no momento da visita dalgunha das persoas que forman parte do xurado quedarán excluídos do concurso.

Servizo de ludoteca
O vindeiro luns, 16 de decembro, a Concellería de Promoción Económica porá en marcha o servizo de Ludoteca, que se ofrecerá nos centros de ocio Educalia, que está situado na avenida da Peregrina, número 3, en Bertamiráns, e Tralará, que se atopa na rúa de Abaixo, número 19 , no Milladoiro.

Este servizo é gratuíto presentando unha nota de compra do mesmo día de calquera establecemento comercial de Ames. A Ludoteca de Nadal abrirá as súas portas os luns 16, 23 e 30 de decembro, en horario de 16:30 a 20:30 horas, e o domingo 5 de xaneiro, de 11:00 a 14:00 horas. Este servizo está dirixido aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e ten o obxectivo de facilitarlle as xornadas de compras aos pais e nais amienses.


Ás 18:00 horas procedeuse ao acendido do alumeado de Nadal. Ao inicio, o alcalde de Ames dedicou unhas palabras aos asistentes, que encheron a entrada do Consistorio. O rexedor agradeceu a súa presenza e felicitoulles o Nadal a todos os amienses. O encargado de pulsar o botón mediante o que se acenderon as luces foi Brais Martínez Couto, alumno do CEP de Ventín e un dos gañadores do concurso de cartas aos Reis Magos do pasado Nadal. Despois, actuou a orquestra de frautas da Escola Municipal de Música de Ames, composta por máis de 20 nenos e nenas que interpretaron dúas panxoliñas: 'Noite de Paz' e 'Navidad, dulce Navidad'. Estes rapaces e rapazas actuaron xunto ao profesor e coordinador da materia de frauta. Ao remate do acto, houbo unha degustación gratuíta de chocolate con churros. Deste xeito, deuse por iniciada a época de Nadal no concello de Ames.

A iluminación ornamental para as festas de Nadal do Concello de Ames está composta por preto de 90 elementos decorativos repartidos por todo o territorio municipal. Estes elementos colocáronse nas principais rúas comerciais de Bertamiráns e do Milladoiro e en diferentes espazos da zona rural. Cómpre salientar que o Concello de Ames conta co apoio económico da Deputación da Coruña para sufragar o custo total deste servizo ornamental, ao que se destinan algo máis de 21.000 euros.


Ao acto asistiu o alcalde de Ames, Santiago Amor; a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín; o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, e os concelleiros/as socialistas Francisco Villaverde, Isabel González e Francisco Doval. O acto comezou ás 17:00 horas na Casa do Concello co desenvolvemento do obradoiro “Cantamos un conto” con Marcela Rubiano, dirixido ao público familiar. Nel participaron máis de 50 nenos e nenas, acompañados dos seus pais e nais, e que aprenderon contos, cancións e xogos relacionados co Nadal.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames dálle a benvida ao Nadal co acendido da iluminación, música e obradoiros"