Pestanas principais

Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros

Venres, 31 de xullo de 2026

A Corporación municipal aprobou  este suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería que inclúe a modificación do contrato de remate da obra do Centro Multifuncional do Milladoiro por un importe de 213.514 euros o que supón un incremento do gasto que é preciso afrontar para rematar o Centro Multifuncional. Tamén se aprobaron o cambio de destino de financiamento dos proxectos “EDIL PLAN INTEGRADO AMES” e “Adquisición de Parcelas”; a fixación dos festivos locais; a actualización do inventario de bens; a Ordenanza Municipal reguladora do servizo de taxi; as Liquidacións provisionais da Mancomunidade da Serra do Barbanza; e Participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2026. A licitación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira será abordada finalmente no pleno ordinario de setembro debido a unha serie de consideracións achegadas polo grupo municipal do BNG e un escrito presentado polo PP. En canto ás mocións do PP, só foi aprobada unha delas. Premendo nesta ligazón podes ver a gravación do pleno.

O pleno ordinario de xullo comezou co alcalde dando conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 349 decretos, do 1986 ao 2334 . Neste apartado tamén se deu conta de cinco actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao meses de xuño e xullo, e do Decreto 2301/2026 sobre a liquidación do orzamento de 2025. Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foi tanto a acta da sesión ordinaria do mes de xuño celebrada o 25 de xuño de 2026 como a acta da sesión extraordinaria do mes de xullo celebrada o 15 de xullo de 2026.  

A continuación, deuse paso ao quinto punto, arredor da aprobación do crédito extraordinario 1/2026 financiado con remanente de tesourería para gastos xerais. Neste senso, a medida foi aprobada mediante os votos a favor dos concelleiros/as do grupo de goberno e os do Partido Popular, mentres que a concelleira de Espazo Común, Luisa Feijóo, votou en contra. Os concelleiros e concelleiras do BNG abstivéronse. Deste xeito, apróbase o financiamento valorado en 319.127,82 euros para gastos necesarios para a prestación de servizos. 

Cambio de destino de financiamento 
Posteriormente, abordouse a cuestión do cambio de destino de financiamento afectada aos proxectos “EDIL PLAN INTEGRADO AMES” e “Adquisición de Parcelas”. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno, do Partido Popular e do BNG. A concelleira de Espazo Común abstívose. 

Deste xeito, cambiarase o destino do préstamo contratado para financiar a humanización das rúas de Castelao e Camelia Milladoiro, a humanización da Praza Chavián, o corredor verde da Praza Chavián e parque Ameneiral, a renaturalización do parque Ameneiral, a mellora da eficiencia enerxética e adaptación de locais sociais, e o novo Mercado de Abastos. E tamén se adquirirán parcelas de uso urbano no núcleo de Bertamiráns.  

Fixación de festivos locais
No referido a este punto sete da orde do día, aprobouse por unanimidade a proposta dos festivos locais para o ano 2027. Deste xeito, os festivos locais para o ano 2027 serán o xoves 6 de maio (A Ascensión) e o xoves 24 de xuño (San Xoán), festividades tradicionalmente celebradas no municipio.   

Centro Multifuncional e cubrición de pistas
Tras a fixación dos festivos locais, levouse a debate a aprobación do suplemento de crédito 01/2026 por valor de 1.320.721,97 euros. 

A concelleira de Economía e Facenda, Susana Señorís, explicou que este suplemento de crédito con cargo ao remanente de tesourería inclúe a modificación do contrato de remate da obra do Centro Multifuncional do Milladoiro por un importe de 213.514 euros o que supón un incremento do gasto que é preciso afrontar para rematar o Centro Multifuncional. Tamén inclúe a cuberta das pistas do Milladoiro onde o importe ascende a 1.113.000 euros; o prazo de execución contémplase en tres meses, polo que, se prevé para este ano 2026 unha anualidade de 371 mil euros. Tamén conta coa amortización dun préstamo por importe de 550.220 euros e con varias operacións pendentes de aplicar por importe de 185.987 euros. Señorís, defendeu que “tanto o suplemento de crédito coma o recoñecemento extraxudicial son figuras que habitualmente se levan a pleno ano tras ano e que se poden facer como reflicten os informes de intervención e tesourería. Non estamos cometendo ningunha ilegalidade, o que pretendemos é que este concello siga para adiante e cumprindo cos obxectivos que ten”.

Tras a Señorís, interviu a concelleira de ESCO, Luísa Feijóo, quen sinalou que “ninguén cuestiona que a figura empregada sexa legal, pois os informes así o din. O que cuestionamos é a forma de gobernar, baseada en continuas rectificacións, modificacións orzamentarias e adaptacións sobre a marcha. Porque gobernar tamén é prever, e cando os expedientes se suceden para corrixir decisións anteriores o que se transmite é, precisamente, a sensación contraria. Temos que ser responsables: a documentación deixa claro que o Concello está obrigado a ter rematado o Centro Multifuncional antes do 15 de febreiro de 2027 para evitar ter que devolver os máis de 500.000 euros dos fondos europeos que xa percibimos”. 

No referido ás pistas, a concelleira de ESCO engadiu que “tamén compartimos que a cubrición das pistas deportivas do Milladoiro, outra obra de sobra anunciada por este Goberno, é unha actuación positiva para Ames. Calquera investimento que mellore as instalacións deportivas e amplíe os espazos de uso para a veciñanza é un investimento útil e necesario. Por iso dende Espazo Común queremos deixar unha mensaxe clara: hoxe non se nos ide que valoremos a xestión deste proxecto; tampouco se nos pide que avalemos os continuos atrasos ou os cambios de execución na obra, o incremento dos custos ou as modificacións constantes do seu financiamento, porque tampouco podemos facelo. O que se nos pide hoxe é decidir se, chegados a este punto, queremos agravar aínda máis as consecuencias desta mala xestión, e nos entendemos que os erros do Goberno non poden acabar sendo pagados polos veciños e veciñas. Non se equivoquen, non sigan recorrendo a iso de que “foi aprobado por unanimidade”, porque este voto é un exercicio de responsabilidade institucional, non un respaldo á forma na que se planifica e se xestiona”. 

A seguinte en intervir foi a concelleira do BNG, Natividade González, quen sinalou que “o problema é seguir chegando ao pleno con gastos que xa debían de estar feitos e que non tiñan cobertura orzamentaria suficiente. Por iso dicimos que o verdadeiro debate non está no suplemento de crédito, senón en que o orzamento perde capacidade para ser un instrumento de planificación e convértese nun documento a modificar constantemente, como unha lebre, que temos que andar sempre detrás dela. Primeiro coñecemos un remanente importante, despois aprobamos créditos extraordinarios, agora aprobamos suplementos de crédito, e entremedias aparecen modificacións de contratos, cambios na forma de financiamento e facturas pendentes. Cando o excepcional se converte no habitual, xa non estamos ante incidencias puntuais, estamos ante unha forma de gobernar. Así que lle pedimos ao Goberno menos improvisación, máis planificación e máis rigor na execución orzamentaria”.

O concelleiro do Partido Popular, Pablo Beiroa, argumentou que “o Centro Multifuncional do Milladoiro segue con outro sobrecuste e este encadeado a todos os que leva fai que xa perdéramos a conta de canto lle vai saír aos veciños esta obra. Esperemos que se remate e que poida entrar en funcionamento antes do 15 de febreiro de 2027 para non ter que volver aínda por riba os 550 mil euros da subvención. Neste caso no suplemento de crédito auméntase o crédito de partidas e gastos que si estaban previstas no orzamento porque o crédito previsto era insuficiente. A falta de ter un orzamento no ano 2025 que posibilitase facer unha serie de actuacións importantes no noso concello trae consecuencias anos despois. Parece que se cerra o exercicio o 31 de decembro de 2025 e que xa non pasa nada máis pero aquí temos os resultados de que si hai consecuencias. Nós non imos a opoñer como nunca fixemos a que se paguen facturas e as actuacións se leven a cabo pero si volvemos a poñer enriba da mesa que a falta de planificación económica e financieira trae consecuencias como as que temos aquí”.

Rematou a rolda de intervencións o alcalde, Blas García: “Un orzamento non é un documento pechado, senón unha estimación de gastos e ingresos que van variando durante todo o mandato. Non é palabra de Deus ou palabra de interventora. Os orzamentos poden ir variando. Neste Goberno e nos demais, os orzamentos, suplementos de crédito, modificacións de crédito... Lévanse facendo sempre. É máis, vostedes foron membros deste goberno nos dous mandatos anteriores e aprobaron  infinidade de modificacións de crédito e suplementos de crédito, e o que estamos facendo  é cambiar un crédito que tiñamos pedido para pagar o Centro Multifuncional. Cambiamos o sentido dese crédito para os fondos EDIL porque estamos financiando o Centro Multifuncional con fondos propios, coa axuda a maiores dos fondos europeos, e ese crédito que cambiamos agora aquí xa estamos no punto seguinte para amortizalo. Fíxese a mala xestión que se está facendo. Estase amortizando un crédito cos fondos propios: 6.200.000 euros que temos de remanente”. 

A proposta foi aprobada polos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e do Partido Popular. Tanto a concelleira de Espazo Común como os e as do BNG abstivéronse. 

Actualización do inventario de bens
Deseguido, sacouse á palestra a décima actualización puntual do inventario de bens, na que se debe incluír unha parcela no lugar de Pateiras en Bertamiráns, ao carón do campo da festa, sobre o que se construíu a nova área de autocaravanas. A proposta foi aprobada por unanimidade. 

Ordenanza Municipal reguladora do servizo de taxi
O punto décimo, referido á aprobación da Ordenanza Municipal reguladora do servizo de taxi foi unha das cuestións de maior fervor da sesión. O pleno debateu arredor da alegación en representación de varios taxistas do Concello de Ames, na que mostraron a súa desconformidade polo artigo 34 da Ordenanza e solicitaron incorporar unha regulación específica relativa á actividade dos vehículos de transporte sen condutor (VTC). 

A votación final permitiu aprobar a proposta mediante os votos a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo do goberno e do PP, a abstención dos concelleiros e concelleiras do BNG e o voto en contra da concelleira de ESCO. Dita concelleira propuxo deixar o punto sobre a mesa, mais a proposta, que contou co apoio do BNG, non saíu adiante.

Licitación do contrato da obra pública para as instalacións do Milladoiro e A Telleira
Deseguido deuse paso ao undécimo punto da orde do día, arredor da licitación do contrato da obra pública para as instalacións deportivas do Milladoiro e A Telleira. Esta cuestión non foi finalmente abordada, logo de que o alcalde, Blas García, comunicase que dito punto será tratado no pleno ordinario do mes de setembro debido a unha serie de consideracións achegadas polo grupo municipal do BNG e un escrito presentado polo PP nos que se formulan cuestións de interese para a súa análise antes de dar paso á aprobación. 

Liquidacións provisionais da Mancomunidade da Serra do Barbanza
Con respecto ao punto número doce, referido á a aprobación das liquidacións provisionais da Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza e as cotas polos servizos de marzo a xuño de 2026. Durante o ano 2026 a Mancomunidade remitiu liquidacións correspondentes aos meses de marzo a xuño dun total de 1.146.119,60 euros. 

A proposta foi aprobada logo de contar cos votos a favor dos concelleiros e concelleiras do equipo de goberno e do BNG, a abstención dos concelleiros e concelleiras do PP e o voto en contra da concelleira de ESCO. 

Participación na segunda fase do POS+ Adicional 2/2026
A última proposta levada a debate foi a aprobación da participación correspondente á segunda fase do POS+Adicional 2/2026 da Deputación Provincial de A Coruña. A contía asignada ao Concello de Ames dentro deste plan é dun total de 1.314.490,03 euros, dos cales xa se aprobou na primeira fase do POS+Adicional 2/2026 un importe de 668.073,68 euros. Deste xeito, quedaría unha contía restante de 646.416,35 euros para participar nesta segunda fase do plan, coa que se propón realizar novos investimentos sostibles a nivel financeiro e que non figuraban no Plan Complementario ao POS+2026.  A proposta foi aprobada por unanimidade

Apartado de mocións
En canto ás mocións, durante esta sesión plenaria tratáronse dúas, levadas a debate por parte do Partido Popular. A primeira veu referida á instalación de paneis informativos en todos os lugares das parroquias do Concello, co obxectivo de establecer unha comunicación efectiva con toda a veciñanza, incluídas aquelas persoas con dificultade de acceso á información dixital. A proposta foi apoiada por unanimidade. 

Pola contra, a segunda moción do PP, na que se propoñía o reforzo da seguridade cidadá e a elaboración dun plan municipal de seguridade cidadá, e a elaboración dun plan municipal de seguridade e convivencia, non foi aprobada logo dos votos en contra dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e o BNG, contando só co apoio da concelleira de ESCO. 

Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros

Multimedia

  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros
  • Ames da conta no pleno dun remanente de tesourería valorado en máis de 6 millóns de euros