Pestanas principais

Ames convértese nun gran plató de televisión ao ser escenario da serie O Faro, que levará a imaxe do municipio a diferentes comunidades autónomas

Xoves, 07 de novembro de 2013

[07-11-2013] A historia que narra a serie de televisión O Faro, que se emite desde o mes de outubro na TVG e noutras cadeas autonómicas da Federación de Organismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA), discorre en distintos puntos de Ames, como O Milladoiro e Bertamiráns. Deste xeito, Ames é un dos escenarios principais desta produción televisiva grazas ao convenio de colaboración alcanzado entre o Concello e a produtora Atlántida Media (conformada pola unión de Zenit Televisión, Pórtico Audiovisuais, Cinemar e Agallas). O acordo foi asinado esta mañá entre o alcalde de Ames, Santiago Amor, e as administradoras da produtora Atlántida Media, Mª Ignacia Ceballos e Mª Dolores del Pilar Ben. Á sinatura tamén asistiu o concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar.

Argumento da serie
Trátase da primeira coprodución diaria que se produce para todas as canles da FORTA. A serie, que consta de 120 capítulos de 50 minutos de duración, que están centrados en diferentes tramas de amor, celos e vinganzas que teñen como eixo a dúas familias enfrontadas por un restaurante que leva como nome 'O Faro'.

Dirixida por Gerardo Rodríguez, Kiko Ruiz, Jesús Font e Simón Casal, conta entre o seu reparto con actores veteranos do panorama televisivo galego como Luisa Merelas, Manuel Millán, Carlos Ollala, César Goldi ou Aníbal Soto. A eles únense os dous actores que protagonizan a serie: Fernando Tato e Raquel Espada.

O alcalde destacou que, deste xeito, o Concello facilita que as empresas do sector audiovisual, especialmente as de Ames, poidan utilizar as rúas do municipio para poder levar a cabo as súas producións e estas sirvan, ao mesmo tempo, de escaparate do municipio. O rexedor apostou por apoiar a este sector e destacou o importante peso que ten en Ames, que acolle no parque empresarial do Milladoiro a sede de varias produtoras audiovisuais, algunhas das cales participan en 'O Faro'. Santiago Amor subliñou que o Concello vén colaborando nas últimas semanas co desenvolvemento das gravacións, ofrecendo facilidades á produtora como a cesión de instalacións ou pequenos cortes de tráfico para facilitar os traballos.

Nas últimas semanas, distintos puntos do municipio acolleron a produción desta serie televisiva. Segundo se destaca no acordo, a produtora elixiu para o desenvolvemento de 'O Faro' distintas localizacións do termo municipal de Ames pola súa idoneidade e adecuación ao guión. Principalmente, as gravacións realizáronse en puntos concretos do parque empresarial do Milladoiro, así como en zonas limítrofes delimitadas polos camiños rurais que o circundan, como a aldea de Coira. Tamén se levaron a cabo gravacións en distintos puntos do municipio. De feito, esta mesma mañá o equipo estivo gravando secuencias da serie en Bertamiráns, máis concretamente na Praza de Chavián e na Praza do Concello.

A gravación da serie levarase a cabo inicialmente ata o 31 de xaneiro de 2014, podendo estenderse no tempo en función de si a acollida da serie faga preciso a continuación da súa programación a través de novas tempadas. En virtude do convenio asinado, a produtora comprométese a realizar unha porcentaxe importante da serie no municipio amiense, o que conlevará unha importante difusión e un posible incremento da actividade económica no concello e no seu entorno. Deste xeito, o municipio amiense terá unha presenza importante na serie de televisión. Ademais, a produtora comprométese a procurar a participación do Concello en actos de promoción da serie de televisión, así como nos títulos de crédito e na cartelería e material promocional que se produza.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames se promociona como escenario de cine con un convenio para rodajes"
El Correo Gallego: "Asturias o Madrid van a conocer Ames gracias a la serie O Faro"